galegas 2024

BNG porá en marcha o traslado das instalacións da Xunta na Xunqueira do Alba de maneira inmediata ao chegar ao goberno

Xunqueira de Alba

Luís Bará asegura que “as administracións deben dar exemplo” e garante que o executivo liderado por Ana Pontón traballará co goberno central e o concello para liberar e rexenerar todos os terreos ‘okupados’ na zona

Anuncia un plan de recuperación dos terreos degradados para poñer en valor da braña, un “verdadeiro pulmón para a cidade”

O cabeza de cartel do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, garantiu hoxe que, de maneira inminente ao chegar ao goberno galego, o Bloque porá en marcha o traslado das instalacións da Xunta na Xunqueira do Alba. O nacionalista manifestou este compromiso, ademais de anunciar plan para a recuperación de todos os terreos degradados e para a posta en valor do humidal, nunha visita aos terreos nos que antes estaban a imprenta e o parque de maquinaria provinciais, recuperados “de maneira exemplar”, dixo, grazas á iniciativa do BNG na Deputación.

Explicou Bará que a Xunta liderada por Ana Pontón traballará man con man co goberno central e co Concello para liberar e rexenerar os terreos que agora “okupan” ilegalmente a Axencia Galega de Infraestruturas e Medio Rural (dependentes da Xunta), a DX de Tráfico e o Parque Móbil do Estado co obxecto de gañar para a cidade unha gran zona verde de máis de 60.000 metros cadrados, “un verdadeiro pulmón para a cidade”.

O cabeza de cartel lembrou que tanto dende o Concello como da Deputación se ofreceu a cesión dunha parcela para o traslado do Centro de Vialidade Invernal da Consellería de Infraestruturas que actualmente ocupa 7.000 metros cadrados en terreos de dominio público da Xunqueira (contiguos aos que acaba de rexenerar a administración provincial), polo que subliñou que negociará con ambas administracións o traslado. “Axilizaremos tamén o traslado das instalacións de Medio Rural, de prevención e loita contra os incendios, ao polígono de Botos (Lalín) e ao parque do Campiño”, apuntou.

O obxectivo do goberno do BNG, salientou Bará, é que na vindeira lexislatura se poida levar a cabo o traslado de todos os equipamentos públicos que están ocupando ilegalmente terreos de dominio público marítimo terrestre na Xunqueira da Gándara, para darlle continuidade de rexeneración que xa promoveu o BNG desde a Deputación de Pontevedra no pasado mandato e que permitiu recuperar e rexenerar os 17.000 metros que ocupaban o parque de maquinaría e a imprenta provincial cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros.

“As administracións públicas teñen que dar exemplo de respecto ambiental e da legalidade”, subliñou Bará, que lembrou que tanto a Xunta como o goberno central están ocupando ilegalmente, coas concesións caducadas, terreos de dominio público marítimo terrestre e que ademais forman parte do Espazo Natural de Interese Local da Xunqueira do Alba (ENIL), aprobado no ano 2012, que xa prevía o traslado de todos os equipamentos e a recuperación ambiental dos mesmos. “Logo de 14 anos de parálise, activaremos un plan para a recuperación de todos os terreos degradados e para a posta en valor da Xunqueira do Alba”, apuntou.

Bará falou dos compromisos do BNG acompañado polas tamén candidatas Victoria Canoura e Manuela Portas, do alcalde Fernández Lores e doutras integrantes do goberno local de Pontevedra. O propio Fernández Lores afirmou que “no século XXI vai sendo hora de que se deixe de ‘rechear’ terreos –como aconteceu na Gándara- e se recupere todo o espazo natural arredor da cidade”.

Destacou Lores que a apertura dos terreos que antes utilizaban o parque de maquinaria e a imprenta provincial está practicamente solucionada, agardando que Costas dea a autorización do uso do espazo marítimo terrestre para a cidadanía. “A idea que ten o Concello, co exemplo que deu a Deputación no último mandato, coa axuda da Xunta de Galiza gobernada polo BNG, e tamén do goberno -vou a ter unha entrevista coa ministra de Transición Ecolóxica (dixo)- é recuperar este espazo natural, que ten moitos miles de metros cadrados, cunha zona verde e natural como é a xunqueira. É un luxo para todos os pontevedreses ter un lugar de esparcemento así a cinco minutos da cidade. É do noso máximo interese recuperalo”, subliñou.