Congreso

BNG pon en valor o seu traballo para manter as paradas de autobús na Galiza na Lei de Mobilidade Sustentábel

Néstor Rego

Néstor Rego: “Conseguimos que o Goberno central manteña as paradas ou que, se as asume a Xunta, non supoña custe ningún para a Administración Galega”

Cando o BNG deixou resolto o problema que implicaba o mapa concesional, non entendemos por que o PP introduce emendas que mesmo xeran incerteza, sinala Rego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pon en valor o traballo realizado pola organización nacionalista durante a negociación do Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel a respecto do mantemento de todas as paradas de autobús recollidas no mapa concesional do Ministerio.

Un dos logros do BNG neste Proxecto de Lei foi garantir que non se supriman paradas de autobús en zonas sen alternativas de transporte, tal e como recollía o mapa concesional do Ministerio que fora amplamente criticado. Grazas á presión do BNG, a Lei recollerá que se deberán manter conexións nas áreas sen outras opcións e que, no caso de que as Comunidades Autónomas asuman servizos por delegación do Estado, serán compensadas economicamente. Mesmo tamén a salvagarda a hipótese (disposición transitoria segunda) de que se calquera Comunidade Autónoma rexeita asumir eses novos servizos, o Estado terá que seguir prestándoos.

“Como saíu do Congreso, ficaba perfectamente resolto, evitando que zonas rurais da Galiza queden incomunicadas. Conseguimos que o Goberno central manteña as paradas ou que, se as asume a Xunta, non supoña custe ningún para a Administración Galega. Mesmo lle facilitamos o traballo ao PP no Goberno galego” afirma Néstor Rego.

As emendas do PP no Senado: “facer que fan”

“Por iso non entendemos que, cando o BNG deixou resolto o problema que implicaba o mapa concesional de transporte por estrada no noso País, o Partido Popular meta unha emenda que mesmo introduce incerteza” sinala o deputado do BNG. Segundo explica Rego, a emenda popular fala de que se deberán manter “todas as paradas que teñan que ver coa conexión territorial”, nunha fórmula ambigua que abre a porta a que poidan ser suprimidas todas aquelas que o Goberno entenda que  non teñen a ver coa “conexión territorial”.

“Non sei se o PP está pensando en que van gobernar de inmediato en Madrid e, por tanto, queren facilidades para aplicar recortes nos servizos e suprimir paradas de autobús” sinala Néstor Rego. “En todo o caso, a proposta do PP empeora o texto que incorporara o BNG e onde había seguridade, agora hai de novo incerteza”, sinala.