BNG pon en valor o conseguido para o sector marisqueiro: exención de cotas á Seguranza Social e estudo sobre a produtividade das Rías Galegas

Encontro con mariscadoras

Néstor Rego, Rosana Pérez e Carmela González manteñen un encontro con representantes de Mulleres Salgadas para analizar a situación actual e avanzar novas medidas para o sector

Néstor Rego: “Demostramos que é posíbel conseguir solucións concretas para os problemas reais das persoas mariscadoras galegos”

O Bloque Nacionalista Galego mantén un encontro con representantes da asociación Mulleres Salgadas en que participan o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e as deputadas no Parlamento de Galiza Rosana Pérez e Carmela González, para facer balance da situación que atravesa o sector marisqueiro e pór en valor a consecución da exención das cotas á Seguranza Social para as mariscadoras e mariscadores afectados pola grave crise que sofre o marisqueo galego, así como o estudo sobre a produtividade das Rías Galegas.

O deputado do BNG no Congreso destaca que a aplicación deste acordo conseguido pola organización nacionalista "implica un alivio inmediato para centos de familias que levan meses sen poder obter ingresos do marisqueo e que, malia esa situación dramática, continuaban obrigadas a facer fronte ao pagamento das cotas á Seguranza Social". Neste sentido, lembra que a medida foi froito das negociacións desenvolvidas polo BNG co Goberno do Estado e responde a unha demanda reiterada polo propio sector.

Rego subliña que "demostramos que, con vontade política e traballo constante, é posíbel conseguir solucións concretas para os problemas reais das mariscadoras e mariscadores galegos". Así mesmo, salienta que a exención das cotas "permite manter todos os dereitos laborais e de cotización das persoas traballadoras mentres continúan realizando tarefas imprescindíbeis para a recuperación dos bancos marisqueiros, como as limpezas, as sementeiras ou a retirada de marisco morto, sen percibir ingresos pola venda das capturas".

Así mesmo, o deputado nacionalista lembra tamén a incorporación e posta marcha por parte do Goberno, do estudo exhaustivo sobre a produtividade das Rías Galegas conseguido polo BNG durante a negociación do Real Decreto-lei anticrise. “No estudo analizaranse a s causas da perda de produtividade e as medidas precisas que se deberán aplicar para restauralas” afirma Rego.

No encontro, o BNG e Mulleres Salgadas coinciden en que estas medidas constitúen un paso importante, mais son precisas outras medidas que permitan resolver a profunda crise que atravesa o marisqueo galego, como a dotación de persoal nos centros do ISM para axilizar a resolución dos expedientes de cese de actividade, mellorar a cobertura de revisións médicas do ISM para as mariscadoras a pé, así como avanzar no Catálogo de Enfermidades Profesionais comprometido na Lei de Pesca. Por iso, as e os representantes nacionalistas reafirmaron o seu compromiso de continuar impulsando novas iniciativas tanto nas Cortes como no Parlamento de Galiza lograr avances nestas materias e garantir a sustentabilidade e o futuro do sector.