BNG dá pasos para acabar coa inxustiza de Facenda cos emigrantes retornados

Néstor Rego
Néstor Rego
A organización nacionalista consegue un acordo do Pleno para instar o Goberno a pór fin a discriminación que sofre os emigrantes retornados

O BNG, durante a sesión parlamentaria, tamén conseguiu que fose aprobada unha Proposición Non de Lei instando o Goberno  a pór fin á discriminación fiscal que sofren os emigrantes retornados do Estado español, especialmente na Galiza, pois hai que ter en conta que “máis da metade son galegos e galegas”.

“Cremos que este é un paso importante que permitiría rematar cos problemas da dobre imposición e coas dificultades para a homologación dos certificados de discapacidade doutros países, especialmente cos países da Unión Europea” destaca Néstor Rego, que sinala que agora “falta darlle forza normativa”, o que é responsabilidade do Goberno.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu unha iniciativa no pleno da cámara baixa para rematar coa grave inxustiza que a facenda española comete coas emigrantes retornadas e evitar a dobre imposición e o tratamento fiscal inxusto que prexudica decenas de millares de persoas no Estado español, aproximadamente 50% na Galiza. A organización nacionalista reclama introducir as modificacións lexislativas necesarias para impedir a dupla imposición e permitir o recoñecemento automático das certicifacións de discapacidade para os efectos de deducións ou bonificacións fiscais en canto non é estabelecido  un sistema harmonizado en Europa.

A comezos de 2013 comezaban os problemas dos emigrantes retornados coa notificación da Axencia Tributaria que obrigaba a que tributasen polas pensións recibidas do estranxeiro e, ademais, reclamábanse os exercicios tributarios anteriores non prescritos, cando nunca se lles comunicou tal obrigación. De facto, a finais de 2014 recoñecíase de forma implícita o abuso que se realizara e establecíase un período de regularización.

“Este recoñecemento foi insuficiente e os problemas de dobre imposición e de trato inxusto continúan até o día de hoxe” denuncia o deputado do BNG. Tamén foi polémica a forma de proceder da Axencia Tributaria en aplicación dos convenios, como é o caso do Hispano-Alemán de 1966, porque facía unha interpretación apartada da literalidade en prexuízo do contribuínte emigrante. “Isto provocou numerosas sentenzas, no noso caso do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, que daban a razón ás persoas  reclamantes” lembra Rego.

A administración tributaria insistiu en restrinxir o concepto de gasto deducíbel de forma arbitraria, e do mesmo xeito que sucedeu anteriormente, “tamén nestes casos unha vez máis se ditaron sentenzas dando a razón aos retornados”.

“A día de hoxe, exíxeselles os documentos xustificativos das retencións realizadas no estranxeiro traducidos, un trámite que comporta un gasto elevado que en moitas ocasións supera o do propio importe da devolución solicitada e, ademais, como no momento de realizar a declaración na facenda española aínda non se lle practicou a retención por parte do organismo tributario do país estranxeiro, iso supón que a persoa afectada ten que realizar posteriormente unha solicitude de rectificación da autoliquidación para poder descontar o importe retido no estranxeiro, o que implica uns trámites  gravosos que non atenden ao principio de eficacia administrativa” explica Néstor Rego

O deputado do BNG sinalou que é necesario outorgar a estes contribuíntes un tratamento equitativo, estabelecendo o límite en 22.000 euros anuais cando se perciban rendas de pensións inferiores a esa cantidade en cómputo anual, aínda que que sexan de diferentes  pagadores, como é o caso dos emigrantes retornados, e non en 14.000. “Mais tamén noutros no que un dos  pagadores sexa unha administración pública, persoas que cobraron o paro, estiveron en  ERTE, etc” reivindica.

Alén do máis, para o colectivo de emigrantes retornados e retornadas é tamén preocupante o que sucede coas pensións de invalidez e os certificados de incapacidade. “Continúa sen existir un marco que regule de forma clara o recoñecemento destas situacións. Isto fai que moitas persoas pensionistas que deberían estar a gozar de exencións e beneficios fiscais pola súa invalidez ou grao de discapacidade recoñecido no estranxeiro, atópense sufrindo un trato fiscal inxusto” apunta Rego. Por iso, a organización nacionalista propón recoñecer, entre tanto non se proceda a levar a cabo unha harmonización para partir da análise das concordancias entre os sistemas dos diferentes países que teñan carácter vinculante, de forma automática as pensións de invalidez así como os certificados que acreditan a discapacidade ditados no estranxeiro que poden tamén dar acceso a deducións ou bonificacións fiscais.

“Non se pode entender que un Goberno castigue precisamente ás persoas que tiveron que abandonar o seu fogar, as súas familias, o seu País, por pura necesidade, moitas veces toda unha vida” subliña. Ninguén entenderá, asegurou Rego, que este Goberno negue xustiza a milleiros de xubilados galegos e do Estado porque custa 200 ou 250  M€ pero non teña problema para dispoñer de 12.000  M€ para aumentar o gasto militar até 2% de PIB como ordenan a OTAN e os Estados Unidos de América.

O Deputado nacionalista lembrou que esta é precisamente unha das medidas que figuran no Acordo de investidura que, até agora o Goberno non cumpriu, polo que alerta aos partidos que conforman o Goberno, en especial ao PSOE, que o incumprimento dos compromisos provoca decepción e desconfianza e acaba abrindo paso á dereita ultra e á ultradereita. Por iso chamou o Goberno a que cumpran os compromisos que no seu momento acordaron. “Hoxe ten unha nova oportunidade para facer xustiza. Non a desaproveiten” 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG