BNG pídelle á Xunta que medie ante Naturgy para recuperar a súa oficina en Celanova e non afondar no abandono do rural
Tabarés advirte que a decisión da eléctrica obriga á veciñanza a desprazarse 150 km. e que xa está provocando a perda de beneficiarios do bono social
O deputado nacionalista defendeu no Parlamento unha iniciativa avalada por case de 1.500 sinaturas e o respaldo do concello, asociacións e colectivos
O deputado do BNG Iago Tabarés defendeu no Parlamento unha iniciativa, avalada por case 1.500 sinaturas e o respaldo do concello e numerosas asociacións e colectivos no territorio, para reclamarlle á Xunta que medie ante a empresa Naturgy co fin de que esta recupere a oficina de Celanova, dende onte prestaba servizo a máis de 24.000 habitantes de quince concellos, incluídos os da Baixa Limia.
A iniciativa, que Tabarés impulsou “pensando nas persoas e no equilibrio territorial”, foi rexeitada polo Partido Popular, desoíndo así as reclamacións veciñais nunha comarca que sofre “a constante supresión de servizos” e que no que vai de século perdeu aproximadamente un 35 % da poboación.
O deputado nacionalista apelou precisamente ás competencias que ten a Xunta para velar polos dereitos das persoas consumidoras máis vulnerábeis subliñando, neste punto, que o peche da sucursal de Celanova está obrigando a unha gran parte da veciñanza a desprazarse 150 quilómetros ata Ourense para facer as xestións coa eléctrica.
Nun territorio especialmente envellecido e no que unha parte importante da poboación ten dificultades para facer xestións pola vía telemática, o peche da oficina está repercutindo xa no número de beneficiarios do bono social eléctrico, que permite descontos de entre o 25 e o 65 % na factura eléctrica, tal e como subliñou Tabarés.
“A Xunta non pode seguir a ser un espectador neste asunto”, asegurou o deputado nacionalista, emprazando o Goberno galego a facer as xestións necesarias para o mantemento de servizos nesta parte do País, na que, salientou, a taxa de natalidade é un terzo da medida galega, na que pecharon o 60 % das sucursais bancarias ou na que sofren especialmente a deterioración da atención primaria ou a falta de mellores comunicacións. “O das infraestruturas é de xulgado de garda, desde a paralización da AG-31 ate o acondicionamento da OU-540, que ao paso que vai acabarase máis tarde que a Sagrada Familia”, ironizou.
“O que non pode seguir facendo a Xunta é invocar a cohesión territorial nos seus discursos e non mover un dedo cando se suprime un servizo esencial nun territorio que xa está ao límite”, advertiu.
Tabarés apelou así mesmo á responsabilidade de Naturgy que, dixo, ten “obrigas propias, empresariais e éticas” e un deber de “retorno territorial” que non está a exercer. Destacou, neste punto, que a Baixa Limita é unha das principais zonas de produción de enerxía hidroeléctrica de Galiza, xerándose máis do 20 % desta nos encoros de Bande e Lobios.
A situación económica da empresa, engadiu Tabarés, non pode estar detrás da súa decisión de reducir servizos de atención públicos pois no último exercicio pechado, o de 2025, obtivo un beneficio neto récord de 2.023 millóns de euros.
“Isto ten un nome: extracción sen retorno, aproveitar os recursos dun territorio, obter beneficios históricos e non asumir ningunha compensación cara á poboación que soporta as consecuencias desa extracción”, denunciou. “A Baixa Limita produce enerxía para todo o País, o seu territorio sostén restricións ao desenvolvemento por ser parque natural, paga con inundacións de vales, con limitacións ao uso do solo, con peaxes ambientais permanentes, e a cambio recibe despoboamento, envellecemento e a supresión progresiva e incesante de servizos”, concluíu.