BNG pídelle a Rueda que “deixe de facer folga de brazos caídos”, acepte a quita da débeda e negocie a favor de Galiza

Noa Presas
Noa Presas asegura que a única razón pola que non está aceptando xa é pola súa “pleitesía á estratexia electoralista de Feijóo no Estado”

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas pídelle a Rueda que “deixe de facer folga de brazos caídos, acepte a quita e negocie a favor do País”. O BNG leva unha proposta ao vindeiro Pleno para darlle ao Executivo de Rueda “a oportunidade de rectificar e acertar, aceptando unha quita de máis de 4.000 de euros que sería beneficiosa para Galiza”.

“A única razón pola que non está aceptando xa é a súa pleitesía á estratexia electoralista de Feijóo no Estado”, afirmou Presas.

Para a deputada nacionalista, a quita da débeda que impulsou o Estado axudaría a paliar un dos problemas máis importantes que ten Galiza, en referencia ao feito de que o Goberno do PP na Xunta “triplicase a débeda do noso País”. Ademais, acusa o Executivo de Alfonso Rueda de “estar gastando a día de hoxe en débeda máis do que en toda a Consellería de Política Social”.

Presas afirma que esta situación “é inaceptable” e que “non podemos permitir que Galiza perda, que Galiza simplemente polo seu sectarismo partidista quede atrás e non acepte esta quita que é unha oportunidade”.

En todo caso, a portavoz de Facenda do BNG recórdalle ao PP que “tivo tempo  de negociar tamén un mellor sistema de financiamento e non o fixo”. É por iso que, neste pleno, o BNG espera que o PP rectifique, deixe de seguir as directrices de Génova e acepte a quita en favor de Galiza, porque, eses 4.010 millóns de euros da quita da débeda permitirían financiar moitas das medidas propostas polo BNG para mellorar a sanidade, a educación ou os servizos sociais.