BNG pide á Xunta que tome partido en favor do mantemento do poder adquisitivo dos traballadores do siderometal na Coruña

Mon Fernández
Mon Fernández reclama ao Executivo galego que medie para garantir a suba salarial conforme ao IPC que nega a patronal na negociación do convenio

O BNG pediu á Xunta no Parlamento galego que “tome partido claramente” a favor de que os salarios no convenio do siderometal que se está a negociar na provincia da Coruña “non perdan poder adquisitivo”, cuestión que o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, considerou “fundamental para as persoas e familias de rendas máis baixas e máis golpeadas pola crise de prezos”.

Nunha pregunta parlamentaria, Fernández referiuse ás distintas xornadas de folga que se están a desenvolver no sector neste mes de xuño ante unha negociación colectiva na que os desencontros se centran na suba salarial e na subrogación, basicamente porque, segundo explicou, “a patronal négase a subir os salarios na mesma medida na que subiu o IPC en 2021, é dicir, un 6,5%, e na que a parte social asegura que non vai aceptar menos”.

O deputado do Bloque incidiu en que a carestía da vida e a perda de poder adquisitivo dos salarios “é galopante e afecta a todas as persoas, independentemente do sector no que traballen”, polo que a necesidade e a determinación, neste caso na negociación do convenio do metal, de non ceder na negociación se non se garante ese mínimo que representa o IPC oficial “é a principal razón de que se convocara a folga”.

Así mesmo, considerou igual de importante a reivindicación da subrogación do persoal que presta servizos de mantemento e, neste sentido, recordou que o dereito de subrogación xa está consolidado en multitude de convenios en todo o Estado, como o da limpeza ou o da seguridade privada, pero tamén en convenios do propio sector do metal como o de Lugo.

“Trátase de darlle estabilidade ás persoas que desenvolven un traballo ou servizo de carácter permanente, aínda que o fagan en réxime de subcontratación e, ademais, evitar que unha guerra de prezos entre as empresas contratistas que optan a eses contratos deriven nunha precarización das condicións de traballo”, incidiu.

Fernández agradeceu a posición favorable da Xunta á subrogación trasladada na súa resposta pola directora xeral de Relacións Laborais, á que lle manifestou por último a preocupación do BNG pola posición manifestada publicamente polo PP a favor dun pacto de rendas que tope as revisións salariais por debaixo do IPC.