BNG pide á Xunta que recupere na súa totalidade as terapias para crianzas con diversidade funcional no San Rafael de Vigo

Paulo Ríos
Paulo Ríos
Paulo Ríos cualifica de insuficiente a reactivación parcial do servizo e advirte da súa vital importancia para nenas e nenos e familias, tamén no Morrazo

BNG reclamou ao Sergas no Parlamento galego que “devolva na súa totalidade” as terapias con diversidade funcional que se desenvolven no centro San Rafael de Vigo, logo de que fosen suspendidas durante meses e agora recuperadas pero só de maneira parcial.

Nunha pregunta urxente en pleno parlamentario, o deputado Paulo Ríos advertiu da necesidade de recuperar as terapias integramente dado que esta reactivación parcial resulta inasumíbel para as familias e deixa no camiño a moitas dos nenos e nenas afectadas, moitas delas no Morrazo, xa que é un dos centros adscritos polo Sergas para prestar este servizo na comarca.

Logo de salientar o papel fundamental que xogan as terapias de atención temperá no desenvolvemento das crianzas con diversidade funcional, pese a que xa eran insuficientes antes da pandemia, recordou que estas foron canceladas dende o comezo do estado de alarma e durante moitos meses crianzas e familias víronse “totalmente desamparadas” porque o centro San Rafael e o Sergas “foron incapaces de poñerse de acordo para aprobar un protocolo que permitise reanudalas”.

Segundo recalcou, ante as queixas das familias a resposta dende o centro era que “o Sergas non estaba a poñer á súa disposición un protocolo para reanudar as terapias” e dende o Sergas “coma sempre, dicíase que non había ningún problema e que era cuestión de pouco tempo que se reactivaran”.

Despois da recuperación do servizo, o deputado nacionalista advertiu que tras tantos meses de suspensión, “moitas das familias asumiron con moitas dificultades as diferentes terapias, tendo que recorrer a terapias privadas”. “Non pode ser que a calidade de vida destes nenos e nenas dependa da capacidade económica das súas familias”, reprobou, para a continuación incidir en que “non se pode permitir que as e os máis vulnerábeis queden no camiño e este é o seu traballo e unha vez máis falla”, reprochou ao conselleiro de Sanidade.

“Devolvan as terapias ás crianzas na súa totalidade e comecen a traballar na súa expansión e mellora”, demandou, para concluír que “a vida destes nenos e nenas e das súas familias non dependan dos cartos”.    

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG