O BNG pide á Xunta que protexa os fondos do Centro Galego en Bos Aires

Centro Galego de Bos Aires

Olalla Rodil lembrou que os fondos recollen unha parte fundamental do galeguismo e nacionalismo galego con obras de Blanco Amor, Otero Pedrayo, Risco e Castelao

A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou hoxe unha pregunta ao goberno galego sobre o “futuro dos fondos do Centro Galego de Bos Aires”.

A parlamentaria lembrou que no centro seguen depositados un gran número de obras do patrimonio cultural de Galiza: arquivos sonoros e  documentais, cadros, e conferencias de Blanco-Amor, Otero Pedrayo, Risco e Castelo, “ un conxunto fundamental para coñecer e comprender a nosa historia desde comezos do século XX, e especialmente a partir de 1936.

O futuro do  Centro Galego, o seu patrimonio cultural, os servizos asistenciais e sanitarios, preocupa en  Arxentina á colectividade galega pero tamén en  Galiza territorial, explicou, e non só ao BNG, senón tamén a institucións estatutarias que se pronunciaron ao respecto recentemente, coma o Consello da Cultura Galega que ao igual que queremos facer hoxe nós, dixo,  lles lembrou a obriga legal que ten a Xunta de Galiza, disposta nos artigos 4 da Lei de Patrimonio e 27 da Lei de Galeguidade, explicou a nacionalista.

Para Rodil, no  Goberno recae a responsabilidade de salvagardar o patrimonio cultural galego no exterior, protexéndoo e garantindo que manteña a súa galeguidade. Poñéndoo en valor e difundíndoo para o seu estudo e coñecemento e  preguntou  si o Goberno galego mantivo  algunha reunión ou contacto con representantes da directiva do Centro e as  autoridades arxentinas e cal é a proposta  da Xunta para salvagardar  este  patrimonio.

Pola súa parte, o  conselleiro de  Educación despachou o asunto afirmando que a “Xunta estaría vixiante” ao que a  nacionalista respondeu que “ademais de vixiar, a Xunta debe “actuar para garantir a protección do inmenso patrimonio do Centro galego de Bos Aires”.

Ademais, Rodil reclamou remitir á cámara e de maneira periódica “información sobre as accións da Xunta a este respecto”.