PARLAMENTO GALEGO

BNG pide á Xunta medidas concretas para rescatar á mocidade da “situación de emerxencia” que sofre en materia de emprego

Paulo Ríos
Paulo Ríos
Paulo Ríos advirte dos 20.000 empregos destruídos no último ano, do que só se recuperaron 2 de cada 10, e recalca que cada 45 minutos emigra unha moza
BNG pide á Xunta medidas concretas para rescatar á mocidade da “situación de emerxencia” que sofre en materia de emprego

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que desenvolva medidas concretas para “rescatar á mocidade” da “situación de emerxencia” que sofre no ámbito laboral, no que está abocada ao desemprego, a precariedade e a temporalidade, segundo denunciou o portavoz nacionalista de Mocidade, Paulo Ríos. 

Ríos advertiu de que a pandemia veu a evidenciar os graves problemas estruturais do mercado laboral, onde mozos e mozas -nunha alta porcentaxe, no sector servizos- “sufrimos dun xeito moi notábel as primeiras consecuencias desta crise sanitaria, económica e social”. Neste sentido, lembrou que vimos dun ano con preto de 20.000 empregos destruídos entre a mocidade e “onde só 2 de cada 10 mozas galegas recuperamos o emprego perdido por mor da COVID19, cun impacto moi salientable no sector servizos, con 7.800 empregos menos para a mocidade que no ano 2019”.

O deputado nacionalista emprazou ao informe de conxuntura deste pasado mes de marzo do Foro Económico de Galiza, onde se apunta a “insoportable dependencia” que ten Galiza cara a hostalería e o comercio, sectores onde o peso de actividade da mocidade é moi alta e a precariedade e a temporalidade é norma.   

“Isto agudizou a situación de emerxencia que vive a mocidade -reprochou-, cunhas taxas de independencia económica ridícula que se viu agravada por esta pandemia, dado que milleiros de mozas non puideron acollerse aos ERTEs debido á precariedade e temporalidade dos seus contratos”. Ríos recordou que só neste mes de marzo, os contratos temporais asinados pola mocidade representaron o 87% do total, mentres que os indefinidos apenas supuxeron o 7%.

O portavoz de Mocidade tamén recriminou á bancada do PP que, despois dun ano de pandemia, a mocidade representa menos do 20% do mercado laboral galego, con menos de 200.000 cotizantes. “Pero isto non é só pola pandemia; porque este país perdeu a metade das traballadoras menores de 35 anos dende que o señor Feixóo goberna na Xunta, ao redor de 236.000 persoas”, recalcou.

Ante estes datos, Ríos reprobou a inacción da Xunta, “que non está a facer absolutamente nada”, e considerou “absolutamente inaceptábel” que o único que ofrece á mocidade son contratos de formación ou en prácticas, “darlles unha FEUGA para que traballen de xeito precario para empresas e institucións” ou “a emigración”. Neste sentido, recordou que “vivimos nun país no que cada 45 minutos emigra unha moza”, polo que considerou urxente, por unha banda, que o Executivo galego desenvolva medidas concretas neste ámbito e, por outra, que exixa a derrogación das distintas contrarreformas laborais e a eliminación das tipoloxías de contratos lesivas para a mocidade.
 

BNG pide á Xunta medidas concretas para rescatar á mocidade da “situación de emerxencia” que sofre en materia de emprego