A deputada do BNG Carme Aira reclamou ao Goberno do PP un estudo que avalíe a evolución e o resultado das aldeas modelo que se teñen posto en marcha ata o momento. Entre outras cuestións, é necesario coñecer a súa rendibilidade económica, a súa afectación no PIB ou se teñen impacto na súa contorna tanto dende o punto de vista económico como demográfico, para, cos datos na man, decidir se son un instrumento útil e seguir investindo na súa expansión.
Aira comezou a defensa da súa iniciativa advertindo do risco de que as aldeas modelo acaben sendo “un mero escaparate” do rural, sen chegar a integrarse plenamente no tecido produtivo, e botou en falta unha mellor planificación por parte do Goberno do PP, como demostra o feito de que case todas estas aldeas estean en Lugo e Ourense, apuntou. “Haberá que ver se a elección das aldeas modelo ten que ver máis coa inxección económica que poden supor para as zonas onde se atopan que coas orientacións produtivas necesarias para o País”, engadiu.
A deputada do BNG subliñou as importantes partidas económicas que contemplan os orzamentos da Xunta, como os case seis millóns de euros do programa para fixar poboación no rural que se reservan para as aldeas modelos e os polígonos agroforestais.
“A aposta das aldeas modelo sen un plan previo de inicio pareceu temeraria y agora continuar con ela tamén o pode ser porque non sabemos o resultado das que temos e algunhas xa cumpriron tres anos”, afirmou, reclamando a continuación “transparencia” na xestión dos cartos que se destinan a estes instrumentos.
“É necesario seguir adiante con proxectos solventes, que aporten resultados para o conxunto do país, que fortalezan o tecido socioeconómico do rural xerando riqueza que repercuta no concello”, precisou Aira, engadindo que para iso é necesario coñecer primeiro os resultados dos proxectos postos xa en marcha que economicamente poden non ser viables.