O BNG pide á Xunta que se desculpe coa familia e cambie de centro aos acosadores como prevé a lei

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil: “Non me colle na cabeza que tendo outro centro a 50 metros manteñan a unha persoa acosada durante 5 anos convivindo cos seus agresores”

O BNG levou ao Parlamento o caso de acoso sufrido por un escolar no IES As Telleiras de Narón para reclamarlle a Xunta que se desculpe coa familia e que adopte medidas cautelares como prevé a Lei de convivencia para garantir a integridade do menor.

Esta petición, formulada pola viceportavoz Olalla Rodil, ven precedida dunha sentenza do pasado mes de xullo que condena á Consellería de Educación por non ter adoptado as medidas legalmente previstas para garantir a protección integral do menor. Unha protección que, a xuízo do BNG, segue sen cumprirse e segue tamén sen atenderse as peticións da súa familia.

“Avalíen o grado de cumprimento e de coñecemento da lei e, o máis importante, dígollo sinceramente, por que habendo un centro a 50 metros manteñen a unha persoa que durante cinco anos soportou un caso de acoso convivindo cos seus acosadores no mesmo centro de ensino. A min é que non me colle na cabeza”, denuncia Rodil, ante o director xeral de Educación, Manuel Corredoira.

A sentenza que condena a Consellaría de Educación por incumprimento das súas obrigas de protección “está referida a un estudante que iniciou este curso o Bacharelato e que foi vítima de acoso por parte dun grupo de compañeiros desde Primaria”, recalcou a viceportavoz do Bloque na súa intervención na Comisión de Educación.

Rodil criticou a decisión de cambiar de aula ao alumno agredido tomada desde a Consellería, é dicir, a medida actúa sobre  a vítima e non contra os agresores “cando  a Lei 4/2011 de convivencia e o decreto 8/2015 que a desenvolve determinan con absoluta claridade que calquera medida de intervención en casos de acoso debe estar enfocada aos agresores, non á vítima”, subliñou, decisión que ademais de ir contra a normativa en vigor non solucionou o problema, “pois as agresións continuaron no transporte escolar e a través dun grupo de whatsapp. Ambos os dous espazos recollidos na Lei de convivencia”.

Só con posterioridade as queixas dos país se evitou que o escolar tivese que compartir aulas este curso con seus agresores en algunhas materias optativas, pero a Consellería de Educación segue sen atender a petición da familia para que os agresores sexan cambiados de centro.

“Non inventa nada a familia pois o cambio de centro aparece recollido no artigo 21 da Lei 4/2011 como medida correctora das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia, podendo aplicarse naqueles casos en que exista outro centro próximo que imparta as ensinanzas que cursan”, explicou Rodil.

Avaliación da lei en todos os centros

“Insisto en que hai outro instituto a 50 metros que evitaría que o menor, que segue en tratamento psicolóxico, teña que que convivir no mesmo centro cos seus agresores coa posibilidade de se cruzar con eles polos corredores e baixo a ameaza e risco de que os episodios de violencia se poidan repetir. Algo perfectamente evitable e necesario para o benestar do estudante afectado”, alegou a deputada.

A vista do sucedido no IES As Telleiras que motivou unha condena contra a Consellería, o BNG solicita que se avalíe o grao de coñecemento, cumprimento e desenvolvemento da Lei 4/2011 de convivencia nos centros de ensino galegos, e que esa avaliación sirva para introducir as medidas que sexan necesarias para garantir que un caso como o de Narón non poida acontecer nunca máis.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG