Senado

BNG pide a solidariedade do Senado coas traballadoras e traballadores da CRTVG

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva lamenta que o PSOE non aceptase a proposta de engádega: “con ser grave o sucedido na CAM, levanten os ollos de Madrid”

“Máis unha vez, situacións que levamos anos padecendo na Galiza, so se fan visíbeis ou se fala delas se suceden en Madrid” sinala da Silva

A senadora do BNG, Carme da Silva, solicitou que o Senado se solidarizase cos traballadores e traballadoras da CRTVG por levar case seis anos sufrindo “ameazas, presións, censura, control, inxerencias, acoso laboral e persecución polo único feito de querer facer ben o seu traballo”. Lamentabelmente, o PSOE rexeitou a proposta de engádega do BNG mentres que a senadora Carme da Silva condenou con rotundidade as ameazas do xefe de gabinete da Presidenta da CAM a xornalista.

“Para o BNG, falar de liberdade de prensa e o dereito ao libre exercicio xornalístico transcende o que sucede na Comunidade de Madrid. Supón falar de censura e da manipulación, por exemplo, que sofren desde hai anos os centos de traballadores e traballadoras da CRTVG. Os medios públicos galegos” sinala a senadora do BNG durante a moción en defensa da liberdade de prensa.

Carme da Silva, co obxectivo de romper o “círculo madrileño” e visualizar e denunciar outras realidades “igual de lamentábeis” e incluso máis asfixiantes e graves porque afectan a centos de xornalistas da CRTVG, lamentou que o PSOE non aceptase a proposta de engádega do BNG que propuña que o Senado mostrase a súa solidariedade “cos traballadores e traballadoras da CRTVG que levan máis de cinco anos e nove meses mobilizándose cada venres, venres negros, para denunciar a manipulación, a propaganda, a censura, a falta de imparcialidade, así como o control que exerce a dirección ao servizo do Goberno do PP da Xunta”.

Os profesionais dos medios públicos galegos, continuou a senadora do BNG, unicamente queren desenvolver a súa profesión xornalística libremente: “sen censuras, sen prohibicións, sen coaccións, sen seren presionados e acosados”. “Queren poder cumprir cos criterios estabelecidos na lei: informar con veracidade, con imparcialidade e neutralidade. Queren ofrecer información de calidade e ao servizo dos galegos e das galegas e non ao servizo dunha organización política, o PP” enfatiza.

“Lamentamos profundamente que que esta visión madricentrista impida aceptar a emenda do BNG. Máis unha vez, situacións que levamos anos padecendo na Galiza, so se fan visíbeis ou se fala delas se suceden en Madrid” sinala da Silva. Neste sentido, a senadora animounos a que “levanten os ollos de Madrid” e vexan a realidade do resto de territorios como o galego.

Parar o xenocidio do pobo palestino

Ademais de denunciar os 306 venres negros, a senadoras do BNG citou os 103 xornalistas e profesionais dos medios de comunicación palestinos asasinados “impunemente” por Israel na Faixa de Gaza. “Asasinados para eliminar as testemuñas do xenocidio que o Estado de Israel está cometendo exterminando o pobo palestino. Igual que asasina persoal sanitario, persoal de axencias e ONG con total impunidade” denuncia da Silva.

“Que máis ten que facer Israel para que occidente deixe de venderlle armas, rachar Relacións diplomáticas e aplicarlle sanción?” preguntou a senadora do BNG.

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG