Parlamento Galego

BNG pide que se permita pastorear nos terreos queimados e que as explotacións afectadas polo lume poidan cobrar da PAC

Secundino Fernández
Secundino Fernández lamenta a inacción da Xunta do PP malia que os incendios poden supor o golpe definitivo á viabilidade destas explotacións

O portavoz de Medio Rural do BNG, Secundino García, defendeu no Parlamento unha iniciativa para atenuar os danos causados polos incendios deste verán ás explotacións agrogandeiras, moitas das que, advertiu, corren risco de abandono se a Xunta do PP no toma as medidas necesarias.

A proposta do BNG pasa, en primeiro lugar, por permitir de maneira excepcional que as explotacións agrogandeiras afectadas pola vaga de lumes poidan exercer o pastoreo nos terreos queimados. Se non hai un cambio normativo neste sentido “faríase imposíbel a permanencia destas explotacións”, advertiu tras subliñar que as gandeiras de vacún de carne e de ovino cabrún das comarcas máis afectadas son fundamentalmente de extensivo e cunha base territorial na que o monte ten unha gran importancia na alimentación dos animais, pois en grande medida é de pasto arbustivo.  

A modificación que defende o BNG susténtase ademais no feito de que en moitos casos as explotacións das comarcas máis afectadas polos incendios teñen moi complicado sacar os animais ao campo de xeito que non pasen polas zonas queimadas, subliñou Secundino Fernández, que explicou que isto afecta fundamentalmente ao gando ovino e cabrún.

O deputado nacionalista, tal e como recolle a iniciativa que defendeu, reclamou tamén á Xunta en mans do PP que arbitre as medidas necesarias para que todas as explotacións gandeiras afectadas pola vaga de lumes deste ano poidan seguir cobrando as axudas da PAC  e desenvolvemento rural polas terras queimadas.

“O perigo de que poidan quedar sen axudas da PAC nos terreos queimados sería un golpe definitivo para a maioría das explotacións gandeiras destas zonas, implicaría un grave perigo para a súa viabilidade económica”, destacou.

O portavoz nacionalista de Medio Rural defendeu ademais que se arbitren as medidas necesarias para que as persoas titulares de explotacións sufran penalizacións nin reclamacións de devolución de axudas xa recibidas anteriormente polas terras arrasadas polos incendios. Do mesmo xeito, demandou que non se penalice nin se lles pida devolución os propietarios forestais que recibiron axudas de ámbito forestal por terras queimadas.

Na defensa da proposición non de lei, Fernández recordou o “desastre” que supuxo para o sector agroforestal a vaga de lumes, deixando ao seu paso pastos queimados, xunto a viñedos, soutos, forraxes, explotacións agrarias, gando, colmeas, maquinarias e monte. “Un fracaso estrepitoso que trae unhas consecuencias moi graves, económicas sociais e medio ambientais”, salientou, advertindo que “non podemos seguir cunhas políticas erradas que converten os nosos montes en polvoríns que os levan a arder cada poucos anos”.

Asuman a súa responsabilidade e impidan que esta catástrofe provocada polos lumes provoque outra desfeita nas mulleres e homes do rural. Unha desfeita que os leve a abandonar as explotacións que os leve a abandonar o territorio onde teñen a súa vida”, concluíu o deputado do BNG tras rexeitar a bancada popular a iniciativa.