BNG pide que a lei de mobilidade que ultima o Goberno central inclúa o modelo de Pontevedra para rebaixar a contaminación por CO2

Miguel A. Fernández Lores e Ana Pontón
Miguel A. Fernández Lores e Ana Pontón

Propón implantar zonas de baixas emisións reducindo o tráfico innecesario para o funcionamento da urbe, como fai o goberno local da cidade do Lérez

Lores explica que non é momento de “irlle ao peto” á cidadanía e Pontón que hai que adaptar a normativa á realidade de Galiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, analizou cos e coas responsables municipais do BNG nas cidades o borrador da Lei de mobilidade que elabora o Goberno central, normativa que carga sobre o peto da cidadanía a redución de emisión de CO2 nas urbes de máis de 50.000 habitantes e baixo un criterio uniforme que ignora a realidade galega.

“Se ben coincidimos no obxectivo de reducir a contaminación, non pode facerse ignorando a nosa realidade ou introducindo discriminacións en función do nivel de renda, en función de quen poida pagar unha taxa ou un vehículo eléctrico”, alegou Pontón, quen puxo sobre a mesa unha terceira vía, a que aplica o goberno nacionalista de Pontevedra con éxito desde fai anos e que ten logrado baixar as emisións nun 70%.

Encontro mobilidade urbana
Encontro mobilidade urbana

O sistema Pontevedra consiste en implantar zonas de baixas emisións reducindo os tráficos innecesarios para o funcionamento da cidade, fronte ao modelo que se recolle no borrador lexislativo que aposta pola penalización, como explicaba o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

“O Goberno central só recorre a penalización para implantar zonas de baixas emisións de CO2 nas cidades, pagar ou pagar son as dúas alternativa, pagar por acceder a determinada zonas ou pagar adquirindo un vehículo coa etiqueta eco”, explicou Lores, para quen “non é momento de irlle ó peto da cidadanía”, sobre todo cando existen outras alternativas como a que leva aplicando o BNG no concello de Pontevedra con excelentes resultados en termos de diminución das emisións contaminantes.

Por iso, a formación nacionalista está negociando co Goberno central que a fórmula que xa se aplica en Pontevedra sexa unha alternativa que tamén se recolla na futura lei de mobilidade para a creación de zonas de baixas emisións, -que deben estar definidas en 2023-, a través da redución dos tráficos innecesarios para o funcionamento da cidade. Sistema que, ademais, ten outras vantaxes como a ampliación do espazo público para as persoas, a redución da sinistralidade ou que se facilita a autonomía dos menores.

A lei que prepara o Executivo central é “inxusta” para Galiza pois parte dunha realidade allea ao País, como é a situación de contaminación de Madrid e de Barcelona, que mesmo motivaron a apertura dun expediente sancionador da Unión Europea ao Estado español, “pero nin as nosas cidades, nin a nosa cidadanía ten por que pagar as consecuencias”.

As propostas que recolle a proposta lexislativa supón unha carga para as persoas nun momento de crise que vai afectar tamén a moitas pequenas e medianas empresas que tampouco poden renovar o seu parque automobilístico por vehículos eléctricos.

Pontón advirte que as alternativas que recollo a borrador da lei favorecen ao lobby da automoción e eléctrico, e pide que a Xunta impulse unha lei de mobilidade adaptada a Galiza que non sexa un copiar e pegar do que se decide pensando na realidade de Madrid ou doutras grandes urbes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG