O BNG pide unha normativa específica contra vertedoiros “encubertos” en canteiras e explotacións mineiras

Luís Bará cualificou de “pelotazo” a canteira de Casalonga vinculada á creación dunha planta industrial “fora da lei urbanística” para producir compost e tecnolosolos dentro “dunha suposta restauración medioambiental”

O deputado do BNG, Luís Bará propuxo hoxe en comisión parlamentaria “unha lexislación específica” para impedir “vertedoiros encubertos” en canteiras e explotacións mineiras.

O parlamentario nacionalista destacou a canteira de Casalonga como exemplo de “grande vertedoiro”, vinculada á creación dunha planta industrial “fora da lei urbanística” para producir compost e tecnolosolos dentro “dunha suposta restauración medioambiental”. Bará cualificou de “pelotazo” e operacións especulativas mercar terreos degradados para grandes negocios co fin de depositar residuos inertes. Hai que impedir que estes residuos rematen nunha canteira. A prioridade, explicou Bará non é “encher as canteiras con residuos” como é o obxectivo en Casalonga.

A normativa europea, engadiu  recomenda a reutilización e a reciclaxe e explicou a oportunidade para abrir este debate porque coincide, dixo, coa modificación estatal ademais do  proceso da lei  galega sobre residuos. Neste sentido, denunciou que o artigo 27 da lei galega deixa “a porta aberta” ao ter que solicitar un informe a Minas sobre a utilización das canteiras. Isto, criticou Bará e o mesmo que poñer “ao raposo ao coidado das galiñas”, non ofrece ningún tipo de garantía.

O nacionalista insistiu que o caso de Casalonga é “un exemplo de libro”  coa  “conivencia e permisividade da Xunta” do que está a acontecer neste ámbito,  pero hai que engadir que na actualidade existen 200 canteiras que poden estar na mesma situación para  convertelas en “macrovertedoiros”.

Unha vez máis, dixo Bará son os veciños e veciñas que se mobilizan para frear estas “operacións especulativas” polo que volveu reclamar o cambio da normativa, tanto no ámbito estatal como galego.

A proposición non de lei defendida polo deputado do BNG, Luís Bará foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.