O BNG pide manter o centro de saúde de Soutelo de Montes

Montse Prado
  • “Estamos en contra de substituír médicos por teleasistencia porque non se pode atender a persoas maiores cunha pantalla”, critica Prado en relación a supresión dun facultativo no centro

A deputada por Pontevedra Montse Prado trasladou ao Parlamento a alarma social xerada entre a veciñanza de Soutelo de Montes ante o previsible peche do centro de saúde e a derivación das persoas doentes ao centro de Forcarei e a confirmada perda dun facultativo. Ademais, o PAC ameazado de peche xa non cubriu máis que con persoal temporal a praza de enfermería e a praza de servizos xerais alegando o pequeno número de cartillas.

 Ante esta situación, o BNG reclamou no Parlamento o mantemento do centro de saúde de Soutelo do que destacou que “unha parte moi significativa das persoas usuarias ten idade avanzada, -40% con máis de 65 anos-, moita sen vehículo propio e sen transporte público para desprazarse a Forcarei”, así como a dotación de persoal suficiente empezando por dar marcha atrás na supresión dun facultativo.

Ademais, explicou Prado na Comisión de Sanidade, o centro de Soutelo de Montes “ten un volume importante de persoas doentes crónicas o que implica un volume de traballo elevado” para quedar cun só facultativo, como paso previo ao peche.

A resposta do Goberno xustificando co servizo de teleasistencia a supresión do segundo médico foi duramente contestada pola deputada nacionalista.

“Estamos totalmente en contra de substituír médicos por telefonillos e pantallas no rural galego cunha poboación tan envellecida, como complemente si, pero pensar que ás persoas maiores se lles pode dar un servizo asistencial de calidade por teléfono é unha falsidade”, recriminou Prado, quen cualificou de “indecente” que a Xunta utilice un criterio “contable” do número de cartillas por facultativo para xustificar o recorte, “cando se trata de doentes que precisan unha atención médica moi intensa”.

“Os veciños e veciñas de Soutelo de Montes teñen dereito a ter unha asistencia de calidade e que cando cheguen ao centro non se atopen con que médico está ausente de consulta nun domicilio ou nunha urxencia”, reiterou, “e teñen dereito a non ter que destinar a súas pequenas pensións para pagar o taxi que os leve a Forcarei desde Soutelo podendo ter centro de saúde na súa localidade”.

Prado chamou a atención sobre o feito de que o peche deste servizo tería un impacto na saúde da poboación pero tamén un impacto económico, “pois suporía un prexuízo para a economía local afectado actividades como do comercio, taxis, botica ou alimentación, que soportarían unha caída da súa clientela mesmo con posibilidade de ter que pechar”, explica Prado.