O BNG pide implantar un paquete de medidas que impulsen o emprego das mulleres

Carme Adán reclamou unha axuda equiparábel ao salario mínimo para as desempregadas maiores de 50 anos cunha vida laboral de 30 que xa esgotaron as prestacións

 Ante a celebración do 8 de marzo, Día Internacional da mulleres, as deputadas do BNG, Carme Adán, Ana Pontón e Tereixa Paz compareceron ante os medios de comunicación para presentar un plan de “medidas urxentes” destinadas potenciar o emprego feminino.

Carme Adán, portavoz de Igualdade lembrou que este ano o BNG conmemora o 8 de Marzo, Día Internacional das mulleres co lema “A forza do Feminismo” como homenaxe á realidade das mulleres galegas mozas, maiores e de todas as idades que están na emigración ou desempregadas. Os datos sobre a situación laboral das mulleres galegas, dixo, son “alarmantes” e van empeorando coa emigracións das mulleres mozas , dende o ano 2008, “máis de 70.000 mozas abandonaron Galiza.”

Por outra parte, afirmou, “as mulleres galegas cada vez son máis pobres” cunha fenda salarial que aumentou case catro puntos, situando a hora de traballo das mulleres “moi por debaixo” da dos homes.

Mulleres de 45 a 50 anos ausentes no mercado laboral e sen prestacións

A parlamentaria explicou que moitas mulleres víronse obrigadas a abandonar o seu traballo para atender a fillos ou familiares e ao chegar os 50 anos, o “desemprego aumenta” así como a franxa das mulleres autónomas nun 12%. Isto evidencia que tras unha vida laboral de 30 ou 35 anos, aos 50 son despedidas ou deben pechar os seus negocios. Unha opción viable para este colectivo non é a emigración polo que deben enfrontarse a 10 o 15 anos sen ningún tipo de prestación.

Para estes casos, dende o BNG propoñemos crear unha axuda para desempregadas cunha contía igual ao Salario Mínimo Interprofesional e con carácter indefinido.

 Plan de emprego feminino dependente da Consellería de Economía e Industria

Asemade, tamén propoñemos un “plan de emprego feminino” como contempla a Lei galega destacando: “ o acento nas mulleres maiores, e unha liña de axudas para empresas femininas”.

Estas medidas, explicou, deben depender do IGAPE ou de “calquera dos chiringos que ten montados a Xunta” pero dentro da Consellería de Economía e Industria para que o Goberno galego “tome en serio” a situación da perda de 1.900 postos femininos no ámbito industrial, e o peche definitivo de moitas empresas femininas.

Medidas propostas polo BNG

Axuda na redución de xornada e excedencias por maternidade e coidado de fillos e fillas, creación dun grupo de traballo sobre a fenda salarial para igualdade entre homes e mulleres, impulsar a rede pública de servizos sociais e públicos e medidas que favorezan a integración da muller no mercado laboral foron algunhas das reivindicación formuladas pola nacionalista ás que engadiu a petición ao Goberno do Estado para ampliar a “6 meses” os permisos de paternidade e maternidade, unha bonificación total das traballadoras que substitúan a outras por abandono do emprego e compensación para aqueles profesionais que interrompan o seu traballo motivado por coidados.

Adán concluíu reclamando que o Goberno galego deixe “a residualidade” das celebracións e atalle definitivamente o problema laboral das mulleres galegas.