Parlamento Galego

BNG pide a extinción da concesión de auga da central térmica para reasignala a novas iniciativas empresariais nas Pontes

Xosé Manuel Golpe

Golpe reclama unha estratexia de usos da auga que teña en conta os efectos que novas concesións poden ter no réxime hídrico do lago artificial

O voceiro de Enerxía do BNG no Parlamento, Xosé Manuel Golpe, vén de defender no Parlamento unha iniciativa para o desenvolvemento da Concesión de Auga para a Transición Xusta no Concello das Pontes, unha vez que se está executando o desmantelamento da central termoeléctrica de Endesa.

Máis en  concreto, o deputado da comarca reclamou que se inicie de oficio o expediente para a extinción da concesión correspondente á central térmica no río Eume tendo en conta, tal e como se destaca na proposición non de lei debatida, que a resolución pola que se autorizou a Endesa Generación S.A. o peche dos grupos 1, 2, 3  e 4 publicouse no BOE xa en agosto do ano 2019.

O propio informe de Augas de Galiza para a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do desmantelamento da central térmica contemplaba —sublíñase tamén— que este supón unha modificación das condicións esenciais das concesións outorgadas ao promotor, abrindo a porta ao iniciar de oficio ou por instancia de parte os correspondentes expedientes de extinción.

Ademais diso, na proposición non de lei que se debateu na comisión 6º  —rexeitada por PP e PSOE— propoñíase convocar, de xeito previo e urxente,  a Endesa e ao Concello das Pontes, incluíndo todos os grupos municipais, para acordar os termos de desenvolvemento e aplicación da denominada Concesión de Auga para Transición Xusta.

Termos que, segundo a proposta que defendeu Golpe, deberían contemplar o outorgamento dunha nova concesión ao Concello para o uso da auga, no mesmo punto de captación e co máximo de aproveitamento das infraestruturas existentes, para subministración á poboación e a novas iniciativas e proxectos a instalarse nas Pontes, ponderando criterios económicos, sociais e ambientais. 

Na súa intervención, Golpe subliñou a importancia que o acceso a auga ten para a instalación na comarca de novos proxectos industriais, como a planta de produción de hidróxeno verde, a planta de biofibra branqueada, unha fábrica de pneumáticos , unha de amoníaco verde ou as plantas de xeración hidráulica. Iniciativas que, precisou, están todas proxectadas na contorna do lago artificial de As Pontes, o máis grande de Europa.  

Neste punto, o deputado nacionalista reclamou unha estratexia de xestión por parte de  Augas de Galiza que permita garantir a subministración de auga a todos estes proxectos  segundo as súas necesidades. Unha estratexia que, precisou, debería ter en conta a mingua das achegas de auga ao lago froito do cambio climático que os caudais ecolóxicos do propio lago.

“Hai un serio problema porque ninguén está medindo este caudal”, advertiu Golpe, aludindo a un informe feito pola Universidade da Coruña que pon en tela de xuízo que sexan compatibles os consumos de auga das fábricas proxectadas e a alteracion da lámina de auga que van provocar os bombeos.    

Segundo salientou, toda a masa de auga demandada polos proxectos arredor do lago non chegan nin ao 10 % da concesión que mantén Endesa, concluíu o deputado do Bloque, subliñando que o propósito da iniciativa debatida é non só garantir a viabilidade técnica dos proxectos formulados ao redor do lago das Pontes, senón tamén a ordenación da masa de auga do propio lago para a súa preservación e sostibilidade.