BNG pide explicacións e medidas urxentes ao Goberno ante a acumulación de incidencias ferroviarias na alta velocidade

Carme da Silva

Carme da Silva Méndez require actuacións inmediatas para garantir a fiabilidade da alta velocidade galega e evitar que se repitan novos episodios de retrasos

A organización lembra que o sucedido entre A Gudiña e Sanabria non é un caso illado, senón unha sucesión de problemas sobre os que o BNG xa advertira ao Goberno

O Bloque Nacionalista Galego rexistra de novo nas Cortes do Estado iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado explicacións e medidas inmediatas ante a suspensión da circulación ferroviaria entre A Gudiña e Sanabria durante máis de cinco horas na mañá do pasado 2 de xullo, unha incidencia que deixou sen servizo todos os trens que conectan a Galiza con Madrid e afectou centos de persoas usuarias.

Segundo a información facilitada por ADIF e Renfe, o corte da circulación produciuse por unha falta de tensión na catenaria entre Porta de Galiza, na Gudiña, e Pobra de Sanabria, unha incidencia detectada antes do inicio da circulación habitual e que non permitiu recuperar o tráfico ferroviario até ben pasado o mediodía.

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, considera "inadmisíbel que unha infraestrutura estratéxica como a liña de alta velocidade coa Galiza continúe acumulando incidencias sen que o Goberno dea explicacións convincentes nin adopte solucións efectivas". Ao seu xuízo, "non estamos diante dun feito illado, senón dunha sucesión de problemas que deterioran a confianza da cidadanía nun servizo público esencial".

A formación nacionalista lembra que a suspensión afectou viaxeiros e viaxeiras que debían enlazar con voos e outros medios de transporte, obrigando nalgúns casos a buscar alternativas polos seus propios medios ante a insuficiente información recibida. Aínda que finalmente Renfe puxo en marcha un plan alternativo por estrada, este non evitou os importantes prexuízos ocasionados.

O BNG subliña, ademais, que esta nova incidencia prodúcese apenas uns días despois do incendio rexistrado nas inmediacións de San Cibrao das Viñas, provocado pola caída dunha árbore sobre o tendido de electrificación ferroviaria, un suceso que tamén interrompeu a circulación ferroviaria. Após aquel episodio, a organización nacionalista xa reclamou a ADIF a adopción de medidas preventivas ante a previsión de sucesivas ondas de calor extremo, reforzando o mantemento das infraestruturas e a xestión da vexetación nas contornas da vía para reducir o risco de novas incidencias. "Lamentabelmente, comprobamos que os problemas continúan e que non se están adoptando as medidas necesarias para garantir un servizo seguro e fiábel" lamenta a senadora.

Neste contexto, o BNG demanda ao executivo estatal explicar con detalle as causas da avaría na catenaria e as actuacións previstas para evitar que se repitan incidencias semellantes. Así mesmo, reclama garantir unha información inmediata e eficaz ás persoas usuarias sempre que se produzan incidencias desta magnitude, activar sen demora os plans alternativos de transporte e adoptar un plan específico de prevención e mantemento da infraestrutura ferroviaria que teña en conta o incremento dos episodios meteorolóxicos extremos.

Da Silva Méndez tamén demanda a Transportes un plan de actuación co obxectivo de “garantir o cumprimento dos estándares de puntualidade e fiabilidade nas conexións ferroviarias coa Galiza, así como a recuperación dos tempos de viaxe anteriores á imposición das limitacións de velocidade”.