parlamento galego

BNG pide a dimisión de Diego Calvo pola “situación grave, de manipulación e acoso” na CRTVG

María Albert
María Albert
González Albert amosou o apoio do BNG ás traballadoras e traballadores dos medios públicos galegos, convocados a unha folga para o 24 e 25 deste mes

O BNG demandou hoxe no Pleno da Cámara a dimisión do vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, pola actual situación da CRTVG, cuxo persoal traballador leva 252 Venres Negros, unha xornada de folga e dous días de paro convocados para o venres e sábado desta semana en protesta “por esta situación grave, de manipulación e acoso”, recriminou a portavoz para a CRTVG, María González Albert.

“A CRTVG converteuse en noticia a pola nefasta xestión do seu persoal e dos seus recursos”, denunciou a portavoz para a CRTVG, que recriminou á actual dirección xeral do ente público as últimas decisións respecto do traslado e cambio de posto de traballo de varias traballadoras e traballadores da Corporación “en represalia por defender a pluralidade dos medios públicos galegos”, recriminou.

“Vostedes pretenden tapar unha realidade, teñen escalado nun conflito. Onde ten a súa meta a dirección xeral da CRTVG? Onde van parar?”, criticou a deputada do BNG, que aludiu a varios casos como o cambio dunha profesional á radio “dun xoves para un venres”, tras 30 anos de traxectoria na televisión; a deslocalización doutra profesional “que agora só traballa nunha peza de cinco minutos ao día” e, ademais, “profesionais que moven para a páxina web con cambios sen negociacións”, denunciou.

Estas decisións son “intercambios incomprensibles dende o punto de vista de xestión, xente represaliada que están poñendo de lado”, criticou a parlamentaria nacionalista, que inquiriu ao vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, os criterios de calidade “que lles moven a vostedes para desprazar a profesionais dos lugares onde levan décadas facendo a súa carreira laboral”.

Esta situación levou, de feito, “ao Colexio de Xornalistas saíu para pedir explicacións, preocupado polo deterioro da situación”, declarou a portavoz para a CRTVG, unha situación “de deterioro da imaxe pública da Corporación” que xa é recollida, sinalou, en varios medios de comunicación a nivel galego e a nivel estatal.

“A cidadanía galega é a lexítima propietaria dos medios públicos deste País”, concluíu a parlamentaria do Bloque, que amosou o seu apoio ás protestas do persoal dos medios públicos galegos “que demandan unha CRTVG libre, plural e democrática” e esixiu, finalmente, a dimisión de Diego Calvo.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG