O BNG pide depurar responsabilidades políticas ante a condena de catro ex-directivos das Caixas

Francisco Jorquera acusou a Xunta de conceder un “tempo extra” aos directivos para beneficiarse de indemnizacións millonarias e de manter a comisión parlamentaria de investigación das Caixas en “paradoiro descoñecido”

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera formulou hoxe unha pregunta na comisión de Economía sobre a valoración da Xunta ante a sentenza da Audiencia Nacional que condena a ex-catro directivos das antigas caixas de aforros de Galiza e un avogado por “administración desleal e apropiación indebida”.

O parlamentario criticou que a Xunta concedera un “tempo extra” ao directivos para beneficiarse de indemnizacións millonarias e de manter a comisión parlamentaria de investigación das Caixas en “paradoiro descoñecido”.

O BNG pide depurar responsabilidades políticas

“Non estamos a reclamar unha valoración xurídica, o que solicitamos, dixo, é unha valoración política” porque as propias manifestacións do Presidente da Xunta esixen esa valoración tras a afirmar que “a Xustiza está en consonancia co que pensaba a Xunta no seu momento”. Para o deputado, Núñez Feijóo “lavouse as mans como Pilatos” como se os feitos xulgados e condenados non tivese lugar durante o seu goberno.

O parlamentario asegurou que o acontecido non sería posible se o Banco de España exercera o seu deber de tutelar ás entidades e a Xunta, con “competencias exclusivas” sobre as nosas caixas de aforros, velara polo bo goberno das entidades. A Xunta, abondou, tiña un representante na comisión de control de Novacaixagalia coa función de vixiar as actuacións do consello de administración.

 Feijóo concedeu “tempo extra” aos ex-directivos das caixas

O nacionalista reiterou que “o saqueo das caixas non se tería producido se Feijóo non concedera un tempo extra aos altos directivos das caixas”. Sobre este extremo, explicou que a lei de caixas, a iniciativa do BNG tiña unha tripla intención, “reforzar a supervisión pública, impedir a súa absorción por entidades foráneas e forzar a remoción dos seus antigos dirixentes pero o PP e PSOE introduciron unha modificación permitindo continuar nos seus cargos, durante todo período, a aqueles membros que formaran parte dos órganos de goberno das entidades fusionadas. Naquel momento o portavoz no debate, o deputado Fernando Blanco manifestou que a modificación supuña “aceptar unha chantaxe” e subordinar o Parlamento galego aos intereses de determinados poderes.

Agora, abondou Jorquera, a Audiencia confirma que os condenados urdiron un plan para resultar economicamente beneficiados no suposto de prescindir dos seus servizos polo que volveu a preguntar se a Xunta de Galiza considera exemplarizante a sentenza que condena a catro ex-directivos das antigas Caixas e a un avogado e se vai depurar “responsabilidades políticas” derivadas do “saqueo” das antigas caixas.

A Xunta segue sen pronunciarse sobre o saqueo das Caixas de Aforros

Pola súa parte, a Xunta respondeu que a sentencia confirma a “insolvencia da entidade”, a política de retribución da alta dirección e que non fora premiada a mala xestión e coincidiu co deputado en que a Xunta de Galiza tiña competencias nos órganos de goberno pero a alta dirección non tiña esa consideración.

Jorquera retrucou que a comisión das caixas tiña a obriga de vixiar as funcións do consello de Administración e a Xunta contaba cun representante nesa comisión. Vostede o que fai é pasarlle a pelota ao Banco de España pero “a Xunta tamén tiña competencias e inhibiuse de exercer as súas competencias para evitar esa situación”