BNG pediulle ao conselleiro que mirase á cara á veciñanza do Hío e lles diga que non van ter un centro de saúde
Paulo Ríos criticou o modelo do PP de concentrar os servizos sanitarios nun CIS, porque só afasta a veciñanza das parroquias da Atención Primaria
Asegurou que todos fixeron os deberes, veciñanza e concello, mentres a Xunta nin está nin se lle espera. Queremos un centro de saúde xa”! esixiu
O deputado do BNG, Paulo Ríos, afeou a falta de respostas do conselleiro de Sanidade a respecto da construción dun centro de saúde prometido polo Goberno do PP para a parroquia do Hío. Emprazou a Antonio Gómez Caamaño a “mirarlle á cara” aos veciños que se concentraron diante do Parlamento e que tamén seguiron a intervención do deputado desde a tribuna do Parlamento e que lles diga que non o van facer.
Uns veciños e veciñas que, tal e como lembrou Ríos, levan anos de “sacrificio e esforzo, de mobilización e de loita” para ter un centro de saúde para o que o concello xa puxo os terreos hai máis de 15 anos, lembrou, recalcando que, mentres todo o mundo cumpriu cos seus deberes, a Xunta “non está nin se lle espera”.
Recriminoulle aos populares que liguen toda a problemática sanitaria na comarca á construción dun Centro Integral de Saúde (CIS) en Cangas, que segundo o deputado nacionalista, non vai traer nin máis persoal nin máis servizos, ademais de sustentarse nun estudo de necesidades totalmente obsoleto e desfasado.
“Non se pode facer máis con menos e a veciñanza non está disposta a pasar porque a Xunta só teña que ofrecer proxectos de ciencia ficción que ademais non se sabe cando estarían rematados e que non van cumprir coas súas necesidades sanitarias”, recriminou, reclamando un servizo que ten que ser “de máxima calidade, e non un edificio novo co mesmo ou menos persoal e servizos, moito máis lonxe e menos accesible”, engadiu.
Na réplica, o deputado do Morrazo preguntoulle ao conselleiro se “nos quere facer parvos”, xa que, mentres Gómez Caamaño falaba de fragmentación de servizos, o BNG fala de proximidade e de accesibilidade e que o PP chama concentración, o Bloque chámalle “facer máis con menos”, rebaténdolle que, tal e como aseguran na Xunta, o PAC de Cangas ten o dobre de equipos que antes. “É mentira”, contrapuxo Ríos. “Vostedes concentran para reducir persoal”, criticou. “Non se pode facer máis con menos e a veciñanza de Cangas e do Hío xa está farta de que intenten xogar con ela”.
Tamén lle preguntou polo tempo que hai que o conselleiro foi ao centro de saúde de Aldán para advertirlle das condicións nas que se están prestando os servizos sanitarios e da precariedade das infraestruturas. “Claro que Cangas precisa unha infraestrutura nova, que se chama centro de Saúde do Hío”. “Os veciños e veciñas queren un centro de saúde e quéreo xa!”, rematou.