BNG pedirá unha comisión de investigación para saber “por que o PP non fixo o traballo que tiña que facer” na vaga de lumes
A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG vai propoñer no próximo Pleno do parlamento a creación dunha comisión de investigación sobre a vaga de lumes do pasado mes de agosto, logo da “neglixencia” e incompetencia” que demostrou un Goberno de Alfonso Rueda incapaz de protexer o medio rural e tomar medidas eficaces na loita contra os incendios.
“Queremos saber por que mentres ardía Galiza, o señor Rueda estaba de touradas, por que hai menos medios para apagar os lumes que fai 16 anos, por que houbo descoordinación e caos na dirección do dispositivo, por que había 300 prazas sen cubrir no medio da vaga de lumes ou por que había motobombas paradas mentres moitas aldeas non tiñan medios para loitar contra as lapas”, enumerou Pontón en rolda de prensa, para subliñar que os galegos e as galegas teñen “moitas preguntas que merecen resposta”.
Neste sentido, incidiu en que o Executivo de Rueda tamén ten que explicar por que “deixou sen executar este ano 11 millóns de euros en prevención”, por que “incumpriu a súa obriga de limpar as franxas de protección nas aldeas de máximo risco” e por que “non atendeu as advertencias das persoas expertas, que xa hai moito tempo que alertaban que algo así podía pasar como consecuencia da desprotección do medio rural, da política forestal e do cambio climático”.
A portavoz do BNG subliñou que para responder a todas estas preguntas é necesario crear unha comisión de investigación. “O que non imos permitir é que se mire para outro lado despois dos lumes máis grandes da nosa historia e, sobre todo, que non se aprenda dos erros para que algo así non volva a repetirse”, advertiu.
A comisión de investigación, remarcou, “é unha obriga democrática” porque “Galiza merece saber por que o Partido Popular non fixo o traballo que tiña que facer”. “Cando arden 140.000 hectáreas e centos de casas, cando miles de persoas son desaloxadas, cando arden explotacións agroforestais, cando hai membros de brigadas hospitalizados porque arriscaron a súa vida, algo se está facendo mal e alguén ten que ser responsable”, denunciou.
Logo de enviar todo o cariño do BNG aos cinco bombeiros forestais feridos no incendio de Barreiros, aos que desexou unha pronta recuperación, Pontón tamén agradeceu á cidadanía que participou onte na masiva manifestación en Santiago o seu “novo exemplo de compromiso e amor” por Galiza e o medio rural e pediulle a Rueda que “abandone a súa prepotencia política” e “escoite o que lle está pedindo o pobo galego”.
“Que asuma o seu fracaso e que estes lumes signifiquen un punto de inflexión, un cambio de raíz nas políticas fracasadas do PP que nos trouxeron até aquí, ate os incendios máis grandes da nosa historia”, reclamou, para recalcar a continuación que “os lumes non son unha fatalidade”, senón “consecuencia de 35 anos de gobernos do Partido Popular”.
Máis de tres décadas nas que o PP “promoveu o abandono do rural e do monte” e apostou por unha política forestal que converte os montes galegos nun “auténtico polvorín”.
Neste sentido, denunciou que “se pretenda tapar” uns lumes como os que se produciron “sen que o Parlamento analice en profundidade que fallou, que responsabilidades hai e que medidas hai que tomar” para algo así non volva a suceder. “Porque o que é evidente -advertiu- é que se o único que se vai facer é continuar coas políticas que nos levaron até aquí, dentro dun ano, dous ou tres, volverá a arder e arderá máis, porque esta é a tendencia que estamos vendo”.
A líder nacionalista afondou en que o BNG exixirá “transparencia, responsabilidades e abrir camiños” para deixar atrás unha política foresta e unha política do rural “fracasada” que está conducindo ao “abandono e a despoboación” e a ter uns montes convertidos nun polvorín que “son un risco para o medio ambiente e para a propia vida das persoas”.
“Por iso, cremos que é importante a creación dunha comisión de investigación que poña luz onde o Partido Popular quere escuridade e que poña solucións reais onde o Partido Popular o único que ofrece é propaganda e políticas fracasadas”, concluíu.