BNG non apoia o nomeamento da nova dirección da CRTVG por ser claramente parte da estratexia manipuladora do PP
Rodil critica que Concepción Pombo foi responsable durante 8 anos duns informativos que usaron para mentir e silenciar a parte da sociedade galega
A deputada botou man da sentenza da Audiencia Provincial que condena a CRTVG por mentir sobre o BNG e que a obriga a rectificar a información
A viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, interveu na primeira comisión da CRTVG na que compareceu a proposta do PP para dirixir os medios públicos de Galiza, Concepción Pombo, para reafirmar o seu rexeitamento a esta candidatura, ao ser claramente unha “directora parte”. “Para iso reformou a lei o PP, para poder poñer un nome deles”, criticou.
Rodil comezou a súa intervención lembrando que “isto é unha cuestión de nomes senón de proxecto, de que modelo de medios públicos queremos e sobre todo merecemos as e os galegos” e recordándolle á candidata do PP que non chegou desde fóra da corporación, “Vostede é da casa, tan da casa que leva sendo directora de información e documentación da CRTVG desde 2017, 8 anos, 96 meses ou , se o prefire, 416 venres, 366 en negro”.
Na súa intervención na quenda única de preguntas, a deputada nacionalista afirmou con contundencia que o BNG non pode considerar “idónea” unha persoa que foi responsable da “desaparición do pluralismo nos medios públicos”, que exemplificou co “veto” á portavoz nacional do BNG, que leva máis de un ano sen ser entrevistada na TVG. “A presenza de Ana Pontón na televisión pública é inversamente proporcional á representación do BNG no Parlamento” (5 veces en 2021, 3 en 2024 e un, por imperativo legal, en 2024). Rodil contrapuxo estes datos cos da televisión vasca EiTB , onde o PP, en tres meses e co 9% dos votos saíu máis ca o BNG en todo o ano, tendo este unha representación do 31%.
Advertiu que o BNG non é a única que é susceptible de ser “cancelada” na TVG, pasou esta mesma fin de semana co sindicato CIG, que celebraba o seu congreso. Unha forza, sinalou, con case 86.000 persoas afiliadas e que non mereceu “nin medio segundo” nos informativos, cando outras forzas sindicais si que foron noticia na mesma circunstancia.
Rodil amosou neste punto a sentenza, coñecida este mesmo luns, pola que a audiencia Provincial condena a CRTVG por mentir sobre o BNG —nunha nova na que falaban da ausencia dos nacionalistas nun acto de Castelao en Bonaval— e que obriga a corporación a rectificar a información. Mentres, contrapuxo, o Presidente da Xunta ten “panexíricos en cada telexornal”. “Sae máis no telexornal da TVG que Franco no Nodo”, ironizou.
“Fixeron da CRTVG o aparato de propaganda particular do PP, nunha deriva “que hai anos que me custa atopar un momento semellante ao que estamos vivindo”, onde “se está a confundir a información coa opinión”, criticou.
Rodil rematou a súa intervención pedíndolle a Pombo que “free esta deriva e devolva a CRTVG ao conxunto da sociedade galega deste País”, engadindo que “tamén somos galegos os que non votamos ao PP, tamén son galegas e galegos as organizacións ecoloxistas, as feministas, as entidades culturais ou asociacións de veciños, que nin sequera se ven na tele do seu País, e é a única que teñen”.
“Por iso existe a CRVTG: para garantir o dereito a coñecer o que pasa desde a veracidade e non desde o sectarismo e a mentira, que é o que leva acontecendo durante todos estes anos”, concluíu.