Parlamento Galego

BNG non apoia o “dedazo” co que o PP culmina a súa farsa para controlar aínda máis os medios públicos galegos

Olalla Rodil

Olalla Rodil reprobou o cinismo do PP, que critica en RTVE o que fai aquí:  “onde en España hai control político, aquí hai transparencia e pluralismo”

Coa proposta da nova directora xeral, o PP afasta aínda máis a CRTVG da realidade plural de Galiza, como indican os baixos datos de audiencia

O BNG non apoiou a proposta do PP para substituír a Alfonso Sánchez Izquierdo na dirección xeral da CRTVG, o “dedazo”, aprobado por minoría simple xusto cando se cumpren 365 venres negros. A viceportavoz nacionalista Olalla Rodil cualificou de “xustiza poética” a escolla desta data para aprobar a candidatura de Concepción Pombo, que no inicio das mobilizacións dos e das traballadoras da TV e radio públicas, asinaba como directora dos servizos informativos.  “Toda unha declaración de intencións”, sostivo.

Rodil lamentou que desbotasen a proposta do BNG de abrir unha etapa nova na que houbese un “punto de inflexión” renovando a estrutura directiva, con “capacidade para dialogar e deixar atrás os conflitos abertos” na radio e TV públicas.

O BNG quería que fose un debate centrado no modelo de medios públicos, non un debate de nomes.  Porén,  “o único que quere o PP é ter ao fronte da corporación unha persoa que faga da CRTVG a tele do PP e a radio do PP e non intentan escondelo porque a proposta que traen é  poñer na dirección a quen é responsable dos servizos informativos desde 2017”, incidiu.

“Decidiron optar por quen vai exercer máis control político, facer da CRTVG máis terminal de propaganda que nunca, e seguir reducindo o pluralismo político, afastando a sociedade galega cada vez máis da corporación, como demostran os datos de audiencia”, que pecharon 2024 cun exiguo 8%, e onde máis da metade da poboación de Galiza pensa, segundo enquisas da propia TVG, que esta non é plural.

O cinismo do PP cos medios públicos

Rodil asegurou que o BNG non vai “participar desta “farsa” na que o PP vai poñer ao fronte “a persoa que O PP quere”, nun exercicio de “cinismo” porque o que critican e cualifican de “asalto ás institucións” o que o Goberno do Estado fixo con RTVE, aquí din que é síntoma inequívoco de calidade democrática, onde en España hai control político, aquí hai transparencia e pluralismo”, engadiu.

“O único problema que ten o Partido Popular é que non ten o control de RTVE entón pode permitirse aquí en Galiza facer a redución de maiorías, nomear a dedo a dirección da CRTVG cos únicos votos do PP en non despeitearse, por iso aprobaron unha nova lei” recriminou, recordando ademais que os populares activaron unilateralmente o proceso sen falar con ningún e que se negou a, tal e como pedira o BNG, ampliar o prazo para presentar as candidaturas para poder dialogar e negociar. “Pero o PP non quería nin dialogar nin negociar. É todo unha farsa”, reafirmou.

A deputada nacionalista acusou o PP de levar 14 anos sen cumprir a Lei de Medios de Galiza –sen nomear unha dirección xeral de consenso, sen crear o consello de informativos nin o consello asesor, sen asinar o contrato programa ou sen crear a autoridade audiovisual independente— e que, “como non a cumpren, cámbiana”.