BNG mostra en Bruxelas as consecuencias dos lumes forestais e exixe “actuacións urxentes desde Galiza e Europa”
Ana Miranda alerta no Parlamento Europeo sobre un novo verán baixo a ameaza de incendios estremos: “Este ano podemos vivir unha nova catástrofe medioambiental, económica e social pola falta de políticas forestais de prevención, extinción e de ordenación integral do territorio”.
BNG inaugura a exposición Lume, a ameaza dos incendios en Europa: o caso de Galiza a través da mirada de Brais Lorenzo, fotoxornalista premiado co World Press Photo Award 2026
Este martes a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, abre ao público nas instalacións do Parlamento Europeo a mostra gráfica “Lume, a ameaza dos incendios en Europa, o caso de Galiza a través da mirada de Brais Lorenzo.
Unha exposición que compila as fotos máis impresionantes do galardoado fotoxornalista Brais Lorenzo, premiado co World Press Photo Award 2026”, sobre a vaga de lumes que arrasou Galiza no ano 2025 e que quer ser unha homenaxe ás vítimas e ás veciñas e veciños que loitaron contra uns incendios de dimensións xigantescos. Asemade, é tamén un reclamo para que non se silencie a mala xestión, a falta de medidas en prevención, medios e recursos humanos e as nulas políticas da Xunta no ámbito forestal, na ordenación do territorio e o total abandono do monte.
A exposición organizada polo BNG será inaugurada polo vicepresidente do Parlamento Europeo, Nicolae Stefanuta e a directora xefe da Unidade de Prevención de Redución de Desastres e Riscos de Nacións Unidas, Natalia Alonso Cano. Na presentación intervirán o eurodeputado francés Gregoy Allione, do grupo de Renew, bombeiro en Francia, e a representante portuguesa do Bloco de Esquerdas, Catarina Martins.
Galiza terá voz: concellos afectados, efectivos de protección, xornalistas, expertos
Unha delegación galega das zonas gravemente afectadas polos lumes manterá nestes días reunións de traballo no Parlamento e na Comisión Europeo. Está composta por varios representantes do BNG, a alcaldesa da Rúa, María González Albert, o da Mezquita, Rafael Pérez, e o alcalde da Pobra do Brollón, José Luis Maceda; a deputada autonómica, Montserrat Valcarce, enxeñeira agrónoma da USC, o responsable de medio rural na Executiva do BNG, Xosé Manuel Puga, o portavoz municipal do BNG en Ourense, Luis Seara, e a representante do BNG en Oímbra, María Teresa Pardo, enfermeira que tratou a bombeiros queimados nos incendios.
Bombeiros forestais: bombeiros da Galiza e os BRIF de Laza
Contaráse coa participación do doutor enxeñeiro de montes pola USC, Xabier Bruña, o bombeiro forestal de Galiza, Manuel Ramón Caíña, e os bombeiros da Brigada de Resposta de Incendios Forestais (BRIF) en Laza, Albert Sandoval, Manuel Baños e Daniel Fernández. Asemade, asistirán un grupo de xornalistas da provincia de Ourense, o territorio máis afectado polos lumes no 2025, co 85% da superficie queimada e onde se produciron quince dos dezaoito grandes incendios forestais na Galiza.
Na sede do Parlamento Europeo, a delegación galega manterá un encontro con responsábeis e científicos do Sistema Europeo de Información de Incendios dos satélites Copernicus, que dependen do Centro Común de Investigación Europea, para coñecer de primeira man o sistema de seguimento para este verán.
Convén lembrar, afirma Ana Miranda, que “durante a vaga de incendios forestais do 2025 o sistema europeo satelital Copernicus aportou información veraz e en tempo real do verdadeiro impacto dos lumes, o seu número e a superficie queimada. Uns datos que contrastaban coas cifras á baixa que ofrecía a Xunta e que nos permitiron coñecer as súas manipulacións e enganos co único obxectivo de ocultar de forma interesada a magnitude da catástrofe e a súa mala xestión”.
As olas de calor auguran un verán de grande risco de incendios
Mañá 1 de xullo, a delegación reunirase Directo Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Eric Mamer, para trasladarlle os erros e neglixencias cometidos durante o 2025 e achegarlle un documento de propostas de actuación en política forestal, defensa do medio rural e a necesidade dun cambio radical na prevención, vixilancia e detección de incendios. Tamén se interesarán polas medidas a despregar por Europa ante un verán que se augura de temperaturas estremas como estamos a ver.
A eurodeputada do BNG subliña que Galiza foi o territorio europeo máis afectado por grandes incendios. En 2025 arderon 209.281 hectáreas segundo os dados do sistema europeo Copernicus, 122.000 delas no mes de agosto, o peor da historia, malia que a Xunta tratou de rebaixar as cifras á metade”.
O Consello Europeo aprobou onte unha recomendación para os 27 Estados membros sobre o necesario fortalecemento da preparación e o reforzo da prevención ante os incendios forestais, “o contrario do que fixo o Goberno de Rueda nos incendios do ano pasado”, critica Ana Miranda.
Durante o último lustro, a superficie queimada en Europa superou en catro anos a media histórica e o tamaño e a intensidade dos incendios forestais está a medrar. Isto coincide, segundo a propia Comisión Europea, co aumento do quecemento global, o Cambio Climático que causa cada vez incendios de grandes dimensións, ou mega lumes, que precisan doutras políticas que van máis alá de habilitar medios de extinción. Como soe dicirse na Galiza, os lumes apáganse no inverno. Hai que actuar todo o ano na prevención, en dotar de máis recursos materiais e humanos, e sobre todo, hai que actuar no ámbito forestal, na ordenación do territorio e con medidas para evitar o abandono do monte”.