BNG manterá a presión para que a pesca artesanal galega sexa excluída do Regulamento de Control da UE

Encontro cofrarías
Encontro cofrarías
Ana Miranda, Rosana Pérez, Carmela González e Daniel Castro defenden que se recoñeza as confrarías como organizacións de produtores

A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, e as deputadas nacionalistas Rosana Pérez, Carmela González, e Daniel Castro expresaron o total apoio do Bloque ás críticas manifestadas pola Federación Galega de Confrarías a respecto da singularidade da pesca artesanal galega fronte á aplicación do Regulamento de Control de Pesca da UE. “Temos unha preocupación moi grande pola situación da pesca galega e pola desatención por parte das administracións”, manifestaron.

No encontro mantido entre a Comisión de Pesca do Bloque e unha delegación da Federación Galega de Confrarías, encabezada polo seu presidente José Antonio Pérez, resaltouse o carácter singular da pesca artesanal galega, fronte á do resto do estado, no sentido de que xa existe un forte control dixitalizado das capturas. Neste sentido salientaron que desde as lonxas galegas xa se emiten os datos diariamente de xeito dixitalizado.

“O problema é que desde Europa non se coñece a situación e as condicións de traballo da pesca artesanal galega, e isto quedou totalmente patente tras a visita realizada a semana pasada polo Comisario de Pesca”, salientou Ana Miranda, quen expresou o seu compromiso a seguir defendendo nas institucións europeas a singularidade da pesca galega, así como a solicitar un encontro co Comisario.

Presión en Bruxelas

Ao respecto, a portavoz do Bloque en Europa subliñou a necesidade de seguir facendo un grupo de presión en Bruxelas co obxectivo de defender ao sector e dar a coñecer a situación da pesca galega. Neste sentido avanzou que unha das reivindicacións que defenderá será a de que as Confrarías se recoñezan como Organización de Produtores. “Defender un tratamento diferenciado para o noso sector é imprescindible”, salientou Miranda.

“Non ten sentido que se traia ao Comisario para facer unha visita por Cíes de dez minutos cando o sector pesqueiro está atravesando unha situación moi complicada”, manifestou, “por iso é necesario que unha delegación da Federación de Confrarías se traslade a Bruxelas para entregarlle un informe completo do día a día da pesca galega”.

Pola súa banda, as deputadas Rosana Pérez e Carmela González e o deputado Daniel Pérez avanzaron que seguirán presentando iniciativas no Parlamento Galego incidindo no excesivo control que xa existe actualmente no sector. “Resulta imprescindible que o goberno galego deixe de mirar para outro lado e defenda o sector”, incidiron, ademais de “estar vixiantes a respecto da mariña eólica, para que non afecte á pesca”.




 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG