BNG mantén a candidatura de Fernando de Abel para adxunto á Valedora e denuncia unha campaña do PP para “criminalizalo”

Olalla Rodil

Olalla Rodil advirte “comportamentos mafiosos” para desprestixialo por asesorar a concellos do Bloque obviando que tamén traballa para o PP

“O que lles gustaría é que a xente non tivera quen a defendese diante do lobby eléctrico, dos abusos da patronal ou da propia Administración”, di

Xurista, doutor e profesor de Dereito Administrativo na USC cumpre cos requirimentos legais, como ratificaron os servizos xurídicos do Parlamento 

O BNG non vai aceptar nin vetos políticos nin decisións que erosionan a arquitectura institucional galega e, en consecuencia, vai manter a candidatura do xurista, doutor e profesor de Dereito Administrativo na USC Fernando de Abel Vilela para ocupar o posto de persoa adxunta á Valedora do Pobo.

Así o asegurou durante o debate na Comisión de Peticións a  viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, quen acusou o PP de emprender unha campaña de desprestixio de Fernando de Abel, cunha traxectoria “impecable”, porque “non toleran a democracia” e porque “o que lles gustaría é que a xente deste País non tivera quen a defendese diante do lobby eléctrico, diante dos abusos de poder da patronal ou da propia Administración”. 

Rodil comenzou a súa intervención denunciando a “situación absolutamente anómala” creada polo PP tras impoñer un “veto sen precedentes” á persoa proposta pola primeira forza da oposición, que o é, lembrou, porque así o decidiron nas urnas os galegos e as galegas.  Unha situación anómala tamén, engadiu, porque o veto racha co consenso que existe desde a creación da Valedoría do Pobo en 1984 e impide desde hai case seis meses este incompleta a estrutura desta institución regulada no Estatuto de Autonomía de Galiza. 

Rodil referiuse ao novo veto á candidatura de Fernando de Abel como “un exemplo máis da deriva autoritaria” dos populares que, a través das súas “manobras·, intenta controlar todas as institucións porque “non soportan o pluralismo” nin a vontade política expresada polos galegos e galegas nas urnas, que lle deron ao BNG 25 escanos, un terzo da Cámara.

Tras subliñar que a proposta nacionalista para adxunto á Valedora  cumpre con todos os requirimentos, como ratificaron tanto a Mesa como os servizos xurídicos da Cámara, a deputada nacionalista acusou o Partido Popular de iniciar unha campaña de “sinalamento, criminalización e persecución del e de quen traballa ou traballou para el”. “Actitudes e comportamentos absolutamente mafiosos intentando orquestrar unha cacería política contra calquera que ouse ir nas listas do BNG, acercarse ao BNG ou ser a proposta do BNG para ocupar un cargo institucional”, salientou.

“Vostedes pensan que este País é a súa leira e todos os que vivimos nel estamos ao servizo e á vontade súa”, reprobou, para denunciar o intento de desprestixiar a De Abel por ter asesorado a organizacións ecoloxistas e a concellos do BNG, obviando o seu traballo tamén con concellos do PP como A Pastoriza ou Vilasantar. “Alcaldes do PP cooptados polo contubernio nacionalista, segundo a señora Prado”, ironizou. 

Neste punto, a deputada nacionalista referiuse ao voto en contra do PP hoxe na Comisión do Estatuto do Deputado á proposta do BNG para solicitar un informe dos servizos xurídicos sobre a obriga de consignar na declaración de bens e dereitos a titularidade de participacións en sociedades mercantís que contraten coa Xunta de Galicia e, se é o caso, consecuencias do seu incumprimento.  “Parece ser que é vostede a que máis ten que esconder neste Parlamento”, díxolle á portavoz popular, Paula Prado.

Durísimos cos débiles, mansísimos cos poderosos

A viceportavoz do BNG no Parlamento apuntou que, en realidade, “o problema” do Partido Popular é que “son durísimos contra os débiles e mansísimos cos poderosos” e por iso “o que lles gustaría é que a xente deste País non tivera quen a defendese diante do lobby 

“Non soportan que o candidato do BNG defenda este País fronte a malas actuacións da Administración, que é precisamente a razón de ser da Valedoría do Pobo”, proseguiu Rodil, lamentando máis unha vez que o PP nin respecta a democracia nin a súa propia palabra nin os consensos políticos que operaron até o de agora na Cámara galega. 

Fronte a un PP que “está botado ao monte” e non goberna para a xente do País, advertiu que o BNG non se vai apartar “nin un milímetro” do seu traballo “na defensa dos intereses de Galiza, na defensa dos galegos e das galegas e diante de actitudes e comportamentos absolutamente mafiosos, de cacerías políticas, contra calquera que ouse defender este País”.