BNG logra no Senado aprobar que o Goberno destine todos os terreos e inmóbeis da súa propiedade á creación de vivenda pública en Pontevedra
A moción do BNG aprobada ten por obxectivo que o Estado, respectando as competencias propias da Xunta, mobilice e poña a disposición todas as propiedades que posúe para destinalas a ampliar o parque público de vivenda
Carme da Silva lamenta a abstención de PP e PSOE na iniciativa do BNG que procura blindar a propiedade pública no canto da promoción privada dos solos públicos
A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, consegue sacar adiante unha moción para urxir o Goberno do Estado a empregar a súa edificabilidade na cidade de Pontevedra e destine todos os terreos e inmóbeis estatais á creación de vivenda pública, ampliando o parque público de vivenda, sobre todo en réxime de aluguer social.
Durante a celebración da Comisión de Vivenda e Axenda Urbana da cámara alta, a organización nacionalista sinala que a falta de vivenda accesíbel constitúe xa un dos principais problemas sociais e, co obxectivo de paliar esta crise habitacional, o BNG defende a necesidade de que o Goberno do Estado se implique e contribúa, respectando as competencias propias da Xunta de Galiza e o Concello de Pontevedra, e mobilice todos os recursos dispoñíbeis.
“O Estado dispón de solo e inmóbeis en Pontevedra que poden contribuír de maneira decisiva a ampliar a oferta de vivenda pública e esa debe ser a prioridade” subliña a senadora nacionalista durante a defensa da iniciativa.
Son varios, sinala Carme da Silva, os terreos e propiedades que pertencen ao Goberno do Estado que, a día de hoxe, están xestionados por diferentes Ministerios ou Entidades da Administración Xeral. “A Finca do Teucro, a parcela da Avenida de Uruguay, os terreos de Campolongo e Mollavao” enumera a senadora do BNG mentres evidencia que a incorporación destes solos e parcelas permitirían incrementar a oferta de vivenda pública en Pontevedra e que se atopan repartidos por toda a cidade.
“Esta moción pon de manifesto que na cidade de Pontevedra existen solos e propiedades que poderían ser destinados a aumentar o parque público de vivenda, sobre todo en réxime de aluguer” enfatiza Carme da Silva Méndez, sinalando que é unha demanda da veciñanza de Pontevedra e que mesmo o Concello -a través da alcaldía- xa reclamou no seu momento ao Goberno do Estado.
A iniciativa do NG aprobada tamén estabelece que o Goberno do Estado debe formalizar un convenio de colaboración coa Xunta de Galiza para promover e xestionar estas actuacións residenciais, de maneira que as vivendas resultantes dos terreos procedentes da SAREB de dos Ministerios de Facenda e Defensa pasen a integra un auténtico parque público de vivenda.
Así mesmo, o BNG consegue aprobar que se realice un estudo detallado que permita identificar e catalogar as vivendas baleiras ou en desuso pertencentes ao Ministerio de Defensa na cidade de Pontevedra para incorporalas ao parque público de vivenda.
“Existen propiedades e terreos da SAREB que aínda non foron traspasadas a CASA47 e que están sendo xestionadas por empresas privadas ao que tamén reclamamos total transparencia. Queremos que se aclare que non se vai facer promoción privada con algúns dos terreos e que todos eles pasen a CASA47” incide Carme da Silva lembrando as diversas iniciativas rexistradas neste sentido.