Parlamento Galego

BNG logra o compromiso da Xunta para actuar na reforma das instalacións do CEIP Prácticas da Coruña

Mercedes Queixas e repreentantes da comunidade educativa

Mercedes Queixas arrinca a promesa de actuación nun centro educativo con graves problemas de seguridade e conservación

O BNG denunciou que o centro non fose incluído nos plans de investimento anuais, a pesar do seu avanzado deterioro

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas, conseguiu este mércores, durante a súa intervención na Comisión 4ª de Educación e Cultura, o compromiso expreso do Secretario Xeral Técnico en Consellería de Educación, Manuel Vila, para acometer accións de mellora no CEIP Prácticas da Coruña.

Durante a súa comparecencia, Queixas expuxo de forma contundente a situación de abandono que vive o centro, enumerando problemas graves como un pavimento do ximnasio afundido, ventás que se desprenden, humidade con fungos, unha instalación eléctrica que non supera as inspeccións de seguridade e a presenza xeneralizada de ferruxe e fochancas. “Reclaman algo tan básico como unha escola segura e digna”, sinalou a deputada, lembrando que a comunidade educativa leva máis dun ano de mobilizacións ante a inacción das administracións.

A deputada nacionalista recordou que, a pesar de que a Xunta anunciou publicamente en xaneiro de 2025 a realización dunha memoria valorada das deficiencias, o curso rematou e comezou o novo sen que se realizase ningunha actuación. “Mentres tanto, o tempo facendo o seu traballo e empeorando o deterioro do centro”, denunciou.

Queixas cuestionou con dureza os criterios do “Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica” da Xunta, preguntándose publicamente se “non é razón suficiente” calquera dos graves problemas estruturais que presenta o colexio. Ademais, puxo en evidencia que, aínda que o goberno anunciou onte investimentos por máis de 16 millóns de euros en 16 centros, o CEIP Prácticas quedou novamente fóra de calquera axuda, a pesar de non ser incluído nas máis de 3.000 actuacións realizadas desde 2021.

Tras a súa intervención, a deputada do BNG conseguiu que o Secretario Xeral Técnico en Consellería de Educación asumise o compromiso de solucionar a situación do centro. Mercedes Queixas finalizou a súa intervención con un chamamento á responsabilidade e á empatía, subliñando o dereito do alumnado, profesorado e familias a “vivir a educación nun espazo digno e seguro”.