Senado

BNG logra o apoio do Senado para impulsar axudas ás mariscadoras frente a inacción de Xunta e Goberno

Carme da Silva
Carme da Silva

“A Xunta ten que actuar mais o Goberno do Estado, dentro das súas competencias, deberá adoptar medidas socioeconómicas: exención das cotas na Seguridade Social ou axudas directas para o sector” afirma Carme da Silva

A Comisión de Pesca, a través da senadora do BNG, insta o Goberno a promover un Plan de Saneamento Integral das Rías Galegas e a rexeneración dos bancos marisqueiros

Da Silva solicita a copia da documentación presentada pola Xunta para declarar como zonas afectadas gravemente por unha situación de emerxencia aos bancos marisqueiros

A senadora do BNG, Carme da Silva, consegue o apoio da cámara alta para demandar ao Goberno do Estado que impulse o plan de saneamento integral das Rías Galegas e a recuperación da súa produtividade. Consegue, tamén, que a Comisión de Pesca inste o executivo active medidas socioeconómicas até a recuperación plena actividade -por mor das condicións meteorolóxicas vividas esta tempada- como a exención das cotas da Seguridade social ou o estabelecemento de axudas directas para mariscadores e todo sector afectado.

“Os datos devastadores pon en evidencia a grave situación que padece o sector marisqueiro da Galiza mostrando como a produción marisqueira retrocede de forma brusca” denuncia a senadora do BNG. O sector, salienta Carme da Silva, está farto do abandono que sofre pola Xunta de Galiza e alerta que, de non rectificar, “en 10 anos o PP acabará cos mariscadores e mariscadoras e entregará o mar ás grandes empresas de acuicultura”.

Esta mesma moción, impulsada polo BNG, tamén foi presentada pola organización nacionalista no Parlamento de Galiza e aprobada por unanimidade na cámara galega. “As administracións, dentro das súas competencias, teñen que actuar con urxencia e con visión de futuro” sinala Carme da Silva.

Medidas impulsadas desde as competencias do Estado

A pesar de que as competencias sobre o marisqueo son propias da Xunta de Galiza, a organización nacionalista entende que o Goberno do Estado “pode desenvolver dentro das súas, medidas específicas que contribúan a paliar a grave situación de mariscadores, confrarías, depuradoras, cocedeiros e industria de transformación así como ás comercializadoras”.

O apoio da cámara alta permite “instar o Goberno do Estado a adoptar as medidas socioeconómicas até a recuperación plena da actividade, tales como a exención das cotas da Seguridade Social dos mariscadores e mariscadoras ou o estabelecemento de axudas directas aos distintos elos da cadea afectados”.

Declaración como zona catastrófica para compensar o sector

“Temos solicitado ao Goberno do Estado a copia da documentación presentada pola Xunta de Galiza da solicitude formulada para declarar como zonas afectadas gravemente por unha situación de emerxencia (zona catastrófica) aos bancos marisqueiros, así como a resposta que remitiu o Ministerio de Interior” sinala a senadora do BNG.

Neste sentido, Carme da Silva avanza que a organización nacionalista “estará vixiante” para comprobar que a Xunta de Galiza “teña realizado todos os trámites e requisitos necesarios para declarar os bancos marisqueiros dos concellos galegos afectados”.

Acepta, nese sentido, instar o Goberno do Estado a que habilite as axudas necesarias para compensar de forma completa e urxente o sector afectado polas perdas ocasionadas pola mortalidade severa nas poboacións de mariscos, especialmente bivalvos de intereses comercial, tras as incesantes precipitacións deste outono-inverno.

Sector marisqueiro: estratéxico na Galiza que carece do apoio da Xunta

“A xestión da Consellería do Mar non pode ser peor: promete e non cumpre, ten orzamento mais non o gasta” denuncia a senadora. Neste sentido, pon como exemplo as axudas dotadas en 5,2 millóns de euros convocadas en 2020 pola COVID-19 das que só se concederon 142 000 euros. “Recentemente, en plena campaña electoral anunciaron axudas por valor de 4 millóns de euros para 7 300 mariscadores e mariscadoras. Destes millóns anunciados, só se destinaron dous e, das persoas beneficiadas, só chegou a 3 900” lembra.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG