Senado

BNG logra o apoio do Senado para demandar ao Goberno que incremente o persoal da Inspección de Traballo na Galiza

Carme da Silva
Carme da Silva
Coa mirada posta na transferencia das competencias íntegras nesta materia á Galiza, Carme da Silva consegue solicitar o aumento dos recursos -humanos e materiais- para atender as especificidades socioeconómicas do territorio galego

A senadora do BNG consegue sacar adiante unha moción na Comisión de Traballo do Senado para demandar ao Goberno do Estado o incremento do persoal e os recursos na Inspección de Traballo na Galiza. Co gallo de aumentar as medidas de prevención e seguridade no traballo, Carme da Silva reivindica a necesidade de reducir o número de accidentes laborais na Galiza. Así mesmo, a iniciativa aprobada demanda ao Goberno abordar o traspaso a Galiza desta materia co fin de que se adapte a súa organización e estrutura á realidade laboral e socioeconómica do territorio galego.

“Galiza foi a segunda comunidade en 2023 coa maior suba de accidentes laborais e os datos de 2024 sinalan que non imos ben. O noso País está nos primeiros postos en sinistralidade” evidencia a senadora durante a defensa da iniciativa. Por este motivo, da Silva sinala a necesidade de levar a cabo medidas, especialmente en prevención e seguridade no traballo, e exemplifica na maior dotación de persoal e medios na Inspección de Traballo.

Precisamente é o colectivo de inspección de traballo, continúa a senadora, quen leva anos queixándose dunha “excesiva sobrecarga de traballo e da necesidade de mellorar as súas condicións de traballo”. De facto, segundo a normativa da OIT debería haber un posto de inspección por cada 10.000 traballadores e traballadoras mais a ratio actual é de un cada 15.000, moi lonxe dos países do entorno.

“O territorio galego conta con 67 postos cubertos de inspección de traballo e, en resposta a unha pregunta que formulamos desde o BNG, o Goberno prevé incorporar 6 persoas como subinspectoras laborais. Nin unha praza de inspección que son quen ten competencias en materia de prevención” denuncia da Silva.

“A situación é insostíbel. Se queremos reducir os datos de sinistralidade laboral na Galiza, temos que apostar, en primeiro lugar, pola prevención e seguridade no traballo” asevera. As novas e cambiantes realidades sociolaborais exixen unha inspección de traballo axustada a estas situación, adaptando o seu funcionamento, estrutura e medios.

Aumentar os recursos e aumentar as inspeccións co obxectivo da transferencia

A organización nacionalista consegue que o Senado inste o Goberno do Estado a incrementar de forma suficiente, o persoal da Inspección de Traballo na Galiza: “tanto o corpo de inspección e subinspeccións e o persoal técnico e administrativo, así como os recursos materiais, acorde cos novos retos e necesidades laborais, as especificidades socio-económicas e de traballo no territorio galego e atendendo aos datos de sinistralidade laboral”.

Así mesmo, o BNG recolle na iniciativa aprobada abordar o traspaso á Galiza da materia, funcións, servizos e xestión da Inspección de Traballo a fin de adaptar a súa organización e estrutura á realidade laboral e socioeconómica do territorio galego.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG