BNG logra o acordo do Parlamento para defender a legalidade dos montes en man común no dominio público marítimo-terrestre

María Albert
María Albert propicia o apoio da Xunta ás comunidades ante a “expropiación encuberta” dos seus terreos nestes espazos coa que ameaza Catastro

BNG acadou o acordo do Parlamento para que a Xunta demande do Goberno estatal o inicio dos trámites precisos para proceder a reformar a Lei de Costas de xeito que as titularidades de carácter comunitario como os montes veciñais en man común poidan existir legalmente dentro da zona de dominio público marítimo-terrestre e do deslinde de costas, sometidas en todo caso aos límites de uso e autorizacións que se consideren necesarias.

De igual xeito, a iniciativa defendida pola portavoz nacionalista de Montes, María Albert, facilitará que o Goberno galego apoie e asesore ás comunidades de montes en man común galegas afectadas polas notificacións que lles están remitindo as xerencias territoriais do Catastro, informándoas de que os terreos propiedade da comunidade situadas dentro da demarcación marítimo-terrestre pasan a ser consideradas de titularidade do Estado.

“Aínda que nos escritos remitidos, o Catastro concede un prazo de alegacións, as resolucións estanse a demostrar inamovíbeis, o que equivale a unha incautación ou expropiación encuberta destas terras de propiedade colectiva que funcionan en beneficio da comunidade”, advertiu Albert, para a continuación sinalar que este non é o primeiro conflito que as comunidades de montes galegas teñen co organismo estatal e recalcar que urxe o recoñecemento na lexislación do Estado desta forma de propiedade que ten permitido o mantemento do territorio galego ao longo dos séculos.

Neste sentido, explicou que os montes veciñais en man común non son nin titularidades públicas nin privadas, senón titularidades comunitarias que, ao contrario do que acontece en Portugal, non están plenamente recoñecidas no marco legal estatal, polo que defendeu a modificación do artigo 9 da Lei de Costas, que establece que non poderán existir terreos de propiedade distinta da demanial do Estado en ningunha das pertenzas do dominio público marítimo-terrestre, nin aínda no suposto de terreos gañados ao mar ou desecados na súa ribeira.

“Non se trata de que as comunidades de montes en man común poidan facer o que queiran nestes espazos; trátase de que asuman todas as normativas de protección das demarcacións marítimo-terrestres sen perder a titularidade das súas terras e que non se proceda á confiscación de facto por parte do Estado”, recalcou na comisión parlamentaria de Agricultura, logo de indicar que a normativa de costas actual xa permite manter os dereitos de uso e aproveitamento, “polo que sería perfectamente posible manter este aspecto, mais respectando a titularidade das comunidades de montes”.

Para o BNG, é preciso revisar a lexislación vixente para que recolla de xeito claro a existencia de montes veciñais en man común como unha forma colectiva de propiedade, non equiparábel á pública nin á privada, polo que a deputada nacionalista considerou que a Xunta “non pode ficar allea a este ataque por parte de Catastro a unha forma de propiedade propia de Galiza, xa que ten unha responsabilidade na defensa deste modelo de propiedade comunitaria que ten unha importancia capital no noso País, coa ocupación de aproximadamente unha cuarta parte do territorio: máis de 700.000 hectáreas xestionadas por 2.800 comunidades”.

Nesta liña, a iniciativa nacionalista tamén instaba á Xunta a reclamar ao Executivo estatal a modificación do artigo 338 do Código Civil para recoñecer de xeito expreso a propiedade de carácter colectivo ou comunitario, como a que se dá nos montes veciñais, á par dos bens de dominio público e a propiedade privada. Mais este último punto foi rexeitado por PP e PSOE.