parlamento galego

BNG levará a reprobación de Baltar ao Parlamento fronte o “silencio cómplice” do Partido Popular e Alfonso Rueda

Noa Presas
Noa Presas: “O BNG ten claro que as persoas non poden estar por riba das institucións, os cargos públicos deben ser exemplares”

O BNG levará á Cámara a reprobación ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, se este non é reprobado ou cesado polo presidente da Xunta e líder do PPdG, Alfonso Rueda. O pasado domingo Baltar foi parado pola Policía por conducir a 215 quilómetros por hora na estrada, o que constitúe un presunto delito contra a seguridade viaria polo que acaba de ser imputado.

A deputada ourensá do BNG, Noa Presas, lamentou “que non estea enriba da mesa nin a súa dimisión nin a súa reprobación por parte do PP” , dous días despois de coñecer que o actual presidente da deputación ourensá se dirixía a Madrid en coche oficial da deputación conducido por el mesmo a máis de 200 quilómetros por hora.

“O BNG ten claro que as persoas non poden estar por riba das institucións, os cargos públicos deben ser exemplares”, subliñou a parlamentaria do Bloque, que aclarou que o ocorrido “non é cuestión de que un quilómetro enriba ou debaixo sexa ou non delito penal” senón que institucionalmente é “inaceptable que o presidente dunha deputación use o coche que lle pagamos todos e todas as ourensás para case duplicar o límite de velocidade permitido”.

Presas cualificou estes feitos “barbaridade” e que converte a Baltar “nun perigo público”, denunciou, advertindo de que este comportamento “debe ter consecuencias”.

A parlamentaria nacionalista reprobou “o silencio indignante” do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e tamén  o do propio Manuel Baltar “porque o que amosan é que se senten absolutamente impunes”. Fronte esta actitude o BNG, enfatizou, “ten claro que ninguén é impune, que non todo vale”.

A estas alturas “Baltar tería que ter dimitido ou ser reprobado”, sinalou Presas, que adiantou que “se o PP non actúa”, o BNG “non vai consentir esta vergoña”, polo que levará ao Parlamento a reprobación do presidente da Deputación de Ourense