BNG levará ao Pleno a estratexia de demolición da Atención Primaria que o PP leva practicando nos últimos 16 anos
Olalla Rodil: “O PP recortou 1.700 M€ e as consecuencias vémolas agora nas listas de espera, na falta de pediatras ou na atención á saúde mental”
Critica o veto á comparecencia de Rueda falar da situación nas residencias de maiores logo da última última denuncia sobre a DomusVi de Monforte
O deterioro da sanidade pública e a situación de abandono detectada en varias residencias de maiores do País serán os principais temas que o BNG levará ao Pleno da próxima semana, no que a portavoz nacional, Ana Pontón, vai preguntar ao presidente da Xunta pola “estratexia de demolición” da Atención Primaria e o rexeitamento xeral que está a provocar a súa reforma.
“Pensa adoptar algunha medida para frear o deterioro da Atención Primaria que suscita tanta mobilización social”?. Esa será, en concreto, a pregunta de Pontón na sesión de control, tal e como adiantou tras a reunión da Xunta de Portavoces a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, quen subliñou que o Goberno do PP vén de conseguir “algo ben difícil”: poñer de acordo a “todo o mundo” en contra da súa reforma, desde os colexios médicos até as organizacións sindicais e de pacientes.
“Todos vemos as decisións que o PP está tomando no ámbito sanitario están deteriorando aínda máis a Atención Primaria, que é o corazón de sistema”, destacou Rodil, salientando neste punto que “O PP fixo un recorte acumulado nos orzamentos de 1.700 millóns de euros e agora vemos as consecuencias nas listas de espera para unha cita co médico de cabeceira, na atención a 11.000 nenos e nenas que non teñen asignado pediatra, na falta de persoal en centros de saúde e nos PAC ou na escaseza de medios para atender á saúde mental”.
“Onde están os 14 psicólogos ou psicólogas clínicas que prometeu Rueda?”, preguntou a viceportavoz nacionalista que, tal e como se puxo de manifesto no último pleno durante pregunta de Pontón ao presidente, denunciou que só haxa 7 persoas de psicoloxía clínica para atender 400 centros de saúde en Galiza.
Ademais da “estratexia de demolición da Atención Primaria que o PP leva practicando nos últimos anos”, o BNG pedirá o Goberno na Xunta que renda contas ante os galegos e as galegas pola situación na que se atopan as residencias deste País. Como o PP vetou a comparecencia de Rueda para abordar esta cuestión, agochándose de novo para non dar a cara sobre os problemas que de verdade preocupan á xente, será a conselleira de Política Social quen teña que responder á interpelación que lle formulará o BNG, cunha pregunta concreta: “Que está acontecendo nas residencias de maiores de Galiza”?.
Unha pregunta que o Bloque leva ao Pleno tras coñecerse unha nova denuncia sobre as condicións indignas nas que viven os maiores nalgunhas residencias, neste caso na Domus Vi de Monforte onde, tal e como lembrou Rodil, foi detectado un caso de sarna, enfermidade da que xa se rexistrou un gromo neste mesmo centro no 2022.
Trátase, lembrou, dun novo “caso de abandono” nunha das residencias máis grandes do País (180 prazas) que se suma ao acontecido nos últimos meses na vivenda comunitaria de Amoeiro e na residencia de Xinzo, ambas clausuradas. O BNG, asegurou, volverá pedir que se fagan públicas as actas de inspección nestes centros, que o PP insiste en ocultar.
Arrastre de cinzas en Valdeorras e reforzos contra a violencia machista
O BNG levará así mesmo ao Pleno unha pregunta urxente sobre a contaminación da auga na comarca de Valdeorras como consecuencia do arrastre das cinzas dos grandes incendios de agosto. “É impresentable que isto suceda malia as advertencias que se fixeron desde o BNG e desde outras organizacións (...) Ninguén fixo nada e agora o que temos son veciños e veciñas que non poden beber a auga da billa da súa casa”, criticou a deputada nacionalista, criticando que tamén sobre este cuestión, na vez de resolver os problemas da xente, o Goberno do PP aplique a estratexia do “pimpampum” buscando outros culpables e obviando as súas responsabilidades.
Aproveitando a proximidade do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o BNG defenderá no Pleno unha proposición non de lei cunha batería de propostas para ampliar os servizos de protección ás mulleres e de intervención. En concreto, o grupo nacionalista reclamará un plan estratéxico para a loita contra a violencia machista froito de diálogo con todos os axentes sociais, o reforzo dos centros de información á muller con máis persoal, máis recursos e unha rede máis ampla, e reverter as privatizacións dos centros de crise 24 horas ou a prevista para os CIM móbiles.
Orzamentos: o PP é un freo ao avance de Galiza
No que ten que ver co Pleno de Orzamentos, Rodil anunciou que O BNG presentará unha emenda á totalidade porque as contas presentadas por Rueda “non responden nin os intereses nin ás necesidades reais dos galegos e das galegas”. Ao contrario, recalcou, demostran que no Executivo do PP “non hai impulso nin ideas nin propostas” para afrontar os problemas do País. “Demostran que o PP na Xunta é máis un freo ao avance deste País que unha solución para os grandes problemas”, manifestou.
O BNG presentará no debate da emenda á totalidade alternativas reais para, entre outras cuestións, blindar a sanidade e a educacións públicas, garantir unha vellez digna no coidado aos nosos maiores ou crear alternativas industriais “á altura do que merecemos en pleno século XXI”, lonxe do “franquismo industrial” que promove o PP con empresas contaminantes como Altri.