BNG levará ao Parlamento a formación de persoal para garantir o relevo nos estaleiros de ribeira de Outes e comarca
Pontón destaca a importancia desta actividade que ademais é clave para prestar servizo a outro sector estratéxico como a pesca e o marisqueo
Avanza que o Bloque seguirá traballando para fortalecerse e ir a por todas nas municipais “porque temos un proxecto para que Outes avance”
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con distintos responsables de estaleiros de ribeira que tivo lugar na sede de Lago Abeijón para coñecer de primeira man un sector importante no concello de Outes e na comarca en termos de creación de emprego. Un tipo de estaleiros que permiten atender as necesidades de reparación, modernización e mesmo a construción de embarcacións pesqueiras de ribeira.
“É un sector económico clave para Outes, unha actividade industrial moi importante para este concello, pero tamén é un servizo clave para un dos eixos económicos máis importantes do País como é todo o que ten que ver coa pesca, co marisqueo ou co sector bateeiro, que precisan do tipo de servizos que prestan os estaleiros de ribeira”, explicou a líder do BNG.
Pontón recolleu unha das demandas expostas polo sector durante a reunión: a falta de man de obra formada que garanta o relevo e a continuidade da carpintería de ribeira e comprometeu que o BNG levará este asunto ao Parlamento. “É unha cuestión na que debe haber unha maior implicación da administración, porque a falta de relevo e de man de obra para atender toda a demanda é un lastre para esta actividade económcia e, como explican os propios responsables das empresas, dispoñer de persoal cualificado permitiría crear máis postos de traballo no sector”.
Nese sentido, o Bloque defende que exista no ámbito comarcal de Outes “formación vinculada tanto coa carpintería metálica como coa carpintería de madeira, precisamente para garantir o relevo formando a mozos e mozas que podan ver aquí unha oportunidade de futuro”, explicou Pontón, “poñendo en valor este tipo de traballo, apostando pola innovación en todos os procesos produtivos para garantir que a carpintería de ribeira segue a ser unha actividade con futuro, tendo en conta que as pequenas e medianas empresas son fundamentais para manter o tecido económico”.
“Precisan de máis apoio e van ser iniciativas que levaremos ao Parlamento porque creemos que é importante o apoio e o recoñecemento desta actividade de reparación e construción de barcos, singularmente en Outes, un actividade centenaria con empresas que son xa un símbolo industrial da comarca”, alegou a líder do Bloque.
Pontón tamén visitou o proxecto turístico Cabañitas do Bosque, unha iniciativa de desenvolvemento sustentable, “que pon en valor outra forma de visitar e de desfrutar do noso territorio que, ademais, aporta dinamismo económico á comarca”. Proxectos destas características son un exemplo de emprendemento de calidade no medio rural, desde o respecto ao territorio e ao medio ambiente, un claro exemplo do potencial e do futuro que ten o noso medio rural e da capacidade emprendedora no rural.
A líder do Bloque estivo acompañada por Rosana Pérez e Brais Rúanova, portavoces de pesca e de industria no Parlamento, e polo portavoz municipal Anxo Núñez, e quixo aproveitar a visita a Outes para deixar claro que o BNG segue traballando para fortalecer o apoio social neste concello co obxectivo de darlle unha alternativa de futuro nas próximas eleccións municipais, “porque o noso compromiso para traballar a favor da veciñanza segue intacto”.
“Demostramos no paso polo goberno municipal que temos capacidade para transformar en positivo e imos seguir traballando durante estes dous anos para afianzar a organización, para seguir medrando e reforzar a confianza dos veciños e das veciñas, traballar con máis ánimo e con máis ilusión que nunca porque temos un proxecto para que Outes avance”, concluíu.