BNG levará ao Congreso as reclamacións da veciñanza de Lourizán para solucionar os problemas dos pasos a nivel

Visita Lourizán
Visita Lourizán

O deputado do BNG defende a posibilidade de trasladar a vía fóra da Praza dos Praceres, como alternativa ao proxecto proposto polo Ministerio de Transportes, e avanza o rexistro de iniciativas

Rego mantén un encontro coa veciñanza de Lourizán, a través da Asociación Estriceres, para interesarse pola demanda colectiva que afecta á seguranza viaria da parroquia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita a parroquia pontevedresa de Lourizán acompañado polos concelleiros da formación, Alberto Oubiña e Demetrio Gómez, para interesarse polas demandas da veciñanza afectada polo proxecto do Ministerio. Avanza iniciativas na cámara baixa para garantir a seguranza viaria da parroquia e evitar a división de Lourizán coa supresión dos dous pasos a nivel. Defende trasladar a vía fóra da Praza dos Praceres como alternativa ao proxecto proposto por ADIF.

Recentemente saíu a exposición pública o proxecto presentado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e ADIF que pretende a supresión do paso a nivel en dous puntos: na rúa da praia e a da rúa do areal de Lourizán. Neste sentido, propón soterrar os 2 pasos de vehículos e peonís, envolvendo a vía do tren con paneis de policarbonato o que consumará a división da praza da parroquia.

“Deixa illadas varias vivendas, a igrexa, a praia e un centro escolar. Illados do resto da parroquia, conectándoos unicamente a través de túneles sendo a mesma proposta que trasladaron en 2013” denuncia Rego tras o encontro coa Asociación Estriceres. O deputado lembra que existe unha sentenza de 2005 que declara ilegal os pasos a nivel, porén a proposta de ADIF non avanza na mellora da seguranza viaria da parroquia nin elimina a fenda, xa histórica, que divide á veciñanza polo paso da vía do tren.

Rego anuncia que rexistrará iniciativas no Congreso para coñecer se apoia o proxecto presentado por ADIF que conta coa oposición dos veciños e veciñas. Ademais, instará o executivo estatal, en concreto, o MITMA a desenvolver un proxecto alternativo que de cumprimento ás demandas veciñais. “Existe a posibilidade de trasladar a vía fóra da Praza xa que non é posíbel o seu soterramento e o Goberno debe apostar pola opción que garante maior seguranza e que permitiría por fin á división da parroquia”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG