BNG leva ao vindeiro pleno a perda de galegofalantes, o impacto da eólica mariña no sector pesqueiro e a saúde mental na infancia e adolescencia

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil avanzou que o BNG tamén interpelará ao goberno sobre os problemas provocados pola endometriose e a defensa dos  dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres de 16 e 17 anos  

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou os asuntos que o BNG defenderá na vindeira sesión plenaria entre os que destacou: a perda de galegofalantes, o impacto da enerxía eólica mariña no sector pesqueiro e a saúde mental na infancia e adolescencia.

No transcurso da xuntanza da  Xunta de portavoces, Rodil mostrou a discrepancia do BNG coa Mesa do Parlamento polo cambio de horario do inicio do Pleno, fixado para  ás 16hs do martes 24 de maio, por decisión do presidente do Parlamento para asistir á inauguración da cidade da Xustiza en Vigo na que está prevista a asistencia de Felipe VI. Rexeitamos, dixo, que a actividade parlamentaria e os horarios dos plenos sexan supeditados á “axenda do presidente o Parlamento” e moito menos que o “horario parlamentar sexa marcado polo Rei de España.

Sobre os asuntos que o BNG propón no pleno, Rodil avanzou que a portavoz nacionalista, Ana Pontón preguntará ao presidente Rueda polas medidas do goberno para evitar que “a lingua galega siga perdendo falantes” e garantir os dereitos lingüísticos de todos os galegos e galegas.

Ademais, o BNG tamén mostrara a posición e preocupación do sector pesqueiro ante a implantación de eólica mariña no Caladoiro Noroeste, como reflicte o “Manifesto Buela”, asinado  por asociacións e federacións de confrarías, armadores e outras organizacións no que alertan dos prexuízos que suporía erguer parques eólicos no litoral galego.

Elas e eles, explicou, invocan “o principio de precaución” e desde o BNG queremos trasladar a súa voz ao Parlamento para debater  o modelo enerxético, neste caso, sobre a produción enerxética no medio mariño nun país coma o noso, “pesqueiro e mariñeiro cunha das principais frotas pesqueiras de Europa”. O BNG defenderá unha Proposición non de lei elaborada polo propio sector para instar á Xunta e o Estado a “protexer o sector pesqueiro e salvargar os ecosistemas mariños”.

Noutra orde de cousas,  trasladaremos a preocupación do  profesorado, direccións dos centros educativos,  familias e  persoal sanitario sobre a “saúde  psicolóxica e emocional entre a mocidade, tras a pandemia”.

Levaremos unha PNL para elaborar un “Plan de saúde mental específico no ámbito educativo” dotando os centros de ensino dos recursos económicos, materiais, humanos e formativos necesarios para a detección precoz e a intervención ante esta  pandemia silenciosa.

O BNG tamén interpelará ao goberno sobre a saúde das mulleres coincidindo co debate do borrador da lei do aborto e baixas nos casos de “regras incapacitantes”. Queremos poñer o foco nas mulleres afectadas por endometriose ou que aínda non están diagnosticadas. Estamos convencidas, aseverou, “que si esta doenza afectara aos homes non sería tratada de igual modo”, Estamos ante unha mostra máis de “androcentrimo e machismo”, nesta ocasión, ante a saúde.

Neste sentido, criticou as declaracións de Feijóo e “a caverna mediática”  cuestionando os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres de 16 e 17 e coa intención de poñer “tutelas” cando a propia lexislación española recolle a “autonomía sanitaria dende os 16 anos”.  

“Non precisamos tutelas paternas e moito menos xudiciais para decidir sobre os nosos corpos”. A obriga da administración e da sanidade pública é garantir o exercicio dos nosos dereitos como mulleres sen atrancos e coa máxima calidade. “Teñamos regras que non deixan que nos ergamos da cama ou un embarazo non desexado con 17 anos”.

Por último, preguntaremos pola agresión do alcalde, González Pérez Jácome a unha representante sindical en Ourense e se  o Partido Popular desde a Xunta cre que unha persoa así, “agresiva”, debe seguir á fronte da terceira cidade galega.

 

“Se Jácome segue sendo alcalde é porque o Partido Popular o sostén despois de poñelo aí”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG