BNG leva ao Senado unha moción para impedir o financiamento público ao proxecto de macrocelulosa de Altri en Palas de Rei
Carme da Silva sinala que o proxecto “non é sustentábel, supondo un grave impacto ambiental” e critica a actuación da Xunta de Galiza do PP que está a actuar “como comercial de Altri”
A moción será debatida na Comisión de Industria da cámara alta, a vindeira terza feira
A senadora do BNG, Carme da Silva, anuncia que levará a debate e votación no Senado unha moción para demandar ao Goberno do Estado revisar de forma rigorosa o proxecto da empresa portuguesa ALTRI, que pretende instalar unha macroplanta de celulosa líquida e fibra téxtil en Palas de Rei (Lugo), e a rexeitar calquera financiamento público para esta iniciativa altamente contestada socialmente e cun enorme impacto ambiental no corazón da Galiza.
Carme da Silva explicou que “o proxecto de ALTRI non é unha biofábrica de fibras téxtiles como se quixo facer crer inicialmente, senón unha fábrica de celulosa líquida que multiplica por tres o tamaño de ENCE en Pontevedra, enormemente contaminante e situada nunha zona de alta sensibilidade ambiental”. Engade, ademais, que “sería un completo contrasentido empregar fondos públicos para financiar unha industria que afecta negativamente ao medio ambiente, ao sector agro-gandeiro, aos recursos hídricos do Ulla e á Ría de Arousa, xerando rexeitamento social en todo o País”.
Segundo a senadora do BNG, “o propio Ministerio de Industria xa deixou claro que ALTRI non acadou a puntuación mínima para o PERTE de descarbonización, o que corrobora o que vimos defendendo desde o BNG, colectivos ecoloxistas e plataformas veciñais: non é un proxecto sustentábel nin compatíbel cos criterios da Unión Europea para un investimento verde e responsábel”.
“Revisar con rigor o proxecto de ALTRI e ter en conta as numerosas alegacións presentadas por colectivos, organizacións e entidades durante o procedemento de Información Pública” recolle o primeiro punto da iniciativa que a senadora nacionalista defenderá na Comisión de Industria da cámara alta.
Ademais, o BNG buscará o apoio do resto de grupos parlamentares para exixir ao executivo que rexeite a inclusión deste proxecto entre as propostas financiadas con fondos públicos, sexa a través dos PIICE, outras axudas directas ou créditos, debido ao seu impacto ambiental, á afectación á actividade agro-gandeira, aos recursos hídricos, á biodiversidade e á economía local.
Da Silva denuncia ademais “a actitude cómplice da Xunta de Galiza, que está actuando como defensora dos intereses da empresa promotora –como auténticos comerciais de Altri- no canto de salvagardar o benestar e o futuro do País, aprobando provisionalmente a Declaración de Impacto Ambiental e presionando para garantir o financiamento público”.
“É imprescindíbel —conclúe da Silva— priorizar o desenvolvemento sustentábel da Galiza e rexeitar o uso de fondos públicos para unha pasteira que xa demostrou non cumprir cos parámetros ambientais nin co interese xeral”.