O BNG pide tomar medidas polas elevadas temperaturas no Hospital Provincial de Pontevedra

Montse Prado

Montse Prado asegura que Sanidade non tomou medidas contra a anunciada  vaga de calor que levou a padecer no centro sanitario temperaturas que superaron os 30 graos  

A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado traslada ao Parlamento a queixa e malestar dos doentes e familiares pola elevadísima temperatura alcanzada no interior do Hospital Provincial de Pontevedra a semana pasada por mor da vaga de calor.

A situación, explica Prado na iniciativa,  foi cualificada polas persoas que a padeceron de “inhumana, terceiromundista, inexplicábel, insoportábel” xa que as temperaturas que tiveron que soportar superaron os 30 graos nos cuartos e en algúns casos mesmo  35.

A parlamentaria lembra  que o centro sanitarios ingresa doentes nas especialidades de obstetricia, neonatos, pediatría, urxencias pediátricas, coidados paliativos, oncoloxía, xinecoloxía, medicina interna, nefroloxía, diálise, odontoloxía, oftalmoloxía ou psiquiatría e as altas temperaturas foron soportadas por  nen@s, persoas de avanzada idade ou con tratamentos oncolóxicos ou paliativos.

Nalgúns casos, engade a nacionalista, foron os propios familiares os que mercaron equipos de refrixeración para tentar aliviar a situación xa que na maioría das habitacións só dispoñen de ventiladores que non resolven o problema das temperaturas tan elevadas.

Equipos insuficientes

Estamos a constatar, recalca Prado que “diante dunha vaga de calor, da que se tiña coñecemento, a Dirección do CHOP non tomou todas as medidas precisas para protexer nin a doentes nin ao persoal” e resulta evidente que “os doce equipos de refrixeración instalados hai un ano para todo o hospital son insuficientes”.

Toda vez que o proxecto do Gran Montecelo está nunha fase moi inicial, por culpa da Xunta do Partido Popular que mantivo paralizado o proxecto durante anos, “a inacción como táctica non pode ser a saída” é preciso tomar medidas para que diante doutra situación de altas temperaturas non se repita o malestar destes días co conseguinte risco para as persoas maiores, as persoas ingresadas e os profesionais que desenvolven diariamente a súa actividade.

Ante unha situación que se vén repetindo hai anos, o BNG  insta ao Goberno galego a tomar medidas de inmediato neste asunto e poñer en marcha os mecanismos necesarios para evitar as consecuencias producidas polas altas temperaturas no período estival no Hospital Provincial de Pontevedra, agravadas pola recente vaga de calor.