O BNG leva ao Congreso a actuación irresponsábel da alcaldesa de Vilariño de Conso

Néstor Rego

O deputado Néstor Rego pregunta ao Ministerio de Interior sobre que medidas vai adoptar sobre a actuación da rexedora que incumpre claramente o estado de alarma.

O BNG vén de presentar no Congreso unha pregunta escrita dirixida ao Ministerio de Interior para que explique se tiña constancia de que o pasado sábado, 25 de abril, a alcaldesa do concello de Vilariño de Conso, desprazouse nun coche de protección civil dese mesmo concello, até o veciño concello de Viana do Bolo, xunto con outras tres persoas, para repartir obsequios polos fogares vianeses. Varias desas persoas, ían disfrazadas e entregaban lambetadas aos nenos e nenas, coa sirena e música soando cun volume elevado.

Os nacionalistas denuncian que con esta actuación a alcaldesa de Vilariño de Conso, e tamén os seus acompañantes, incumpriron de forma clara e fragrante o estado de alarma e, ademais, cunha actuación claramente irresponsábel que pon en risco a seguridade dos cidadáns e cidadás, pois no seu afán de achegamento, non se respectaron as normas de distancia física, polo que se puxo en risco a saúde pública da veciñanza de Viana do Bolo.

Por se fora pouco, todo isto realízao fóra do territorio sobre o que ten competencias, tal e como se estabelece na Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, é dicir, abandona o termo municipal no que exerce de rexedora para desprazarse de forma totalmente consciente e deliberada a un municipio veciño, o de Viana do Bolo.

Tal e como informou o alcalde do BNG, Secundino Fernández, esta actuación comandada pola alcaldesa de Vilariño de Conso foi sen previo aviso, sen comunicar ao concello de Viana do Bolo nin as autoridades competentes.