BNG lembra que os lumes non teñen fronteiras, como amosan os incendios devastadores en España e Francia

Reunión comisión
Ante os lumes destrutivos que están a sufrir Ávila, Madrid e outras rexións dos Estados español e francés, a eurodeputada Ana Miranda lanza unha mensaxe de solidariedade e empatía ás poboacións afectadas ao tempo que demanda máis medios para a extinción e prevención dos incendios. “É necesario potenciar as políticas de restauración do territorio e unha mellor xestión do medio rural”.

A eurodeputada do BNG Ana Miranda lembra ante os incendios históricos que sofren Ávila, a Comunidade de Madrid ou o sur de Francia, na rexión de Bordeos, que “os lumes non teñen fronteiras e que a solidariedade debe ser europea e interterritorial”, como xa advertiu en Bruxelas a comezos de mes co gallo da exposición fotográfica sobre os lumes vividos en Galiza no verán do 2025.

O cambio climático está acelerando a sucesión e a gravidade dos grandes incendios forestais. O ano pasado arderon preto de 200.000 hectáreas en Galiza e un millón en toda a Unión Europea. Este verán xa queimaron máis de 400.000 hectáreas no continente. Neste contexto, Ana Miranda pide “máis medios a nivel galego, no Estado español e a nivel europeo. Non pode ser como vemos en Galiza, como vimos en Almería, e agora en Ávila que os territorios fiquen abandonados. Hai que apelar ao Fondo de Solidariedade europeo e ao Mecanismo de Protección Civil, porque detectamos que non ha protocolos de prevención civil e de seguridade para a xente”.

No incendio de Burgohondo de Ávila xa fusionado co de Madrid e cun perímetro de 160 quilómetros traballan efectivos da Unión Europea, concretamente 4 avións cisterna procedentes de Italia e Grecia a conta do Mecanismo de Protección Civil. 2 avións máis de Turquía financiados cos cartos comunitarios está sendo desprazados.

O BNG insiste na mellora da prevención e xestión do medio rural, con bosques máis biodiversos resistentes ao cambio climático e aos lumes e políticas sostidas para frear o despoboamento rural, obxectivos compartidos pola Comisión Europea como recoñeceron á eurodeputada Ana Miranda . “Levamos advertindo dende hai tempo no BNG que fan falla máis medios en prevención e planificación con tempo para combater lumes devastores, de dimensións diferentes ás doutras épocas por mor do abandono sistemático do rural, a falta de planificación ou o favorecer a plantación de especies que arden máis facilmente”, incide Ana Miranda.

En Galiza, o 70% dos fondos destinados á extinción, prevención e tamén ordenación forestal son europeos, procedentes do FEADER. Porén, no 2025 a Xunta de Galiza só adxudicou obras para a prevención por valor de 3 millóns de euros e non executou 2,2 millóns de euros para a xestión da biomasa nas contornas de núcleos de poboación.

Solidariedade e apoio ás poboacións dos territorios queimados

Ana Miranda quere enviar unha mensaxe de solidariedade e apoio ás poboacións afectadas de Ávila ee Madrid, onde os incendios conxuntos queimaron preto de 75.000 hectáreas e obrigaron a desaloxar ou confinar a unhas 90.000 persoas, ás de Castellón, Cataluña ou para a rexión francesa de Bordeos. “Vemos que a xente está soa, os lumes non teñen fronteiras pero si unha capacidade de expansión impresionante. Enviamos a nosa solidariedade, empatía e apoio ás persoas de tódolos territorios que están sufrindo os lumes, como en Galiza sufrimos durante moito tempo. Non estamos libres de que volva acontecer”, lamenta a eurodeputada do BNG.

Nunhas xornadas de traballo a finais de xuño e comezos de xullo, técnicos do sistema satelital europeo Copernicus e dende a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea advertiron á representante do Bloque que os grandes incendios de nova xeración van ser cada vez máis comúns e graves. O vicepresidente da Eurocámara, Nicolae Stefanuta, do grupo parlamentar do BNG, Verdes- Alianza Libre Europea, sinalou co gallo da exposición organizada por Ana Miranda, Lume, a ameaza dos incendios en Europa: o caso de Galiza a través da mirada de Brais Lorenzo, que “ningún país europeo é o suficientemente forte ou rico para afrontar as consecuencias da natureza pola súa conta”.

Esa exhibición fotográfica chegará o vindeiro luns 10 de agosto á Rúa, no comarca de Valdeorras, un dos concellos máis afectados nos incendios do pasado verán do 2025 cando ardeu o 90% do seu territorio. Contará coa presenza do fotoxornalista Brais Lorenzo, recentemente agasallado co World Press Photo Award 2025 polo seu traballo Terra Queimada.