BNG lanza ofensiva institucional para salvar os postos de traballo na fábrica de Vestas en Viveiro

Manifestación Vestas
Manifestación Vestas

Néstor Rego reclama ao Goberno do Estado a derrogación da Reforma Laboral que permite o despedimento dos 115 sen existir unha razón obxectiva

Daniel Castro propón a creación e desenvolvemento dun Plan de Emprego e Industrialización para a comarca da Mariña

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o deputado no Parlamento da Galiza, Daniel Castro, acudiron á concentración diaria das traballadoras e traballadores de Vestas en Viveiro. Os deputados reclaman á Xunta de Galiza que exerza as súas competencias en materia industrial e non permita o fechamento da fábrica de aeroxeradores. Así mesmo, urxen a derrogación da Reforma Laboral que permite o despedimento dos 115 traballadores.

Após a concentración que as traballadoras e traballadores de Vestas manteñen de maneira diaria, unha delegación do BNG mantivo unha reunión co Comité de Empresa da fábrica. Ademais de Rego e Castro, a esta xuntanza acudiron a voceira do BNG no Concello de Viveiro, Miriam Bermudez, e a responsábel comarcal e alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida. A formación nacionalista anunciou unha ofensiva institucional “tanto no Parlamento da Galiza como no Congreso dos deputados para que as administracións actúen de maneira activa para evitar o fechamento da fábrica”.

“A Xunta de Galiza ten que actuar e deixar de pórse de perfil ante unha situación extrema como é a situación pola que atravesa a fábrica de Vestas” reivindican os deputados no Parlamento e no Congreso. Pola súa banda, Daniel Castro sinala que o principal obxectivo é parar o ERE da empresa e salvar os 115 postos de traballo e estabelece, a maiores, dúas accións para a reactivación da Mariña: “incidimos na creación dun plan de emprego e industrialización nesta comarca porque se está convertendo nun deserto industrial e demográfico” explica Castro.

Manifestación Vestas Así mesmo, os deputados apostan por un Plan de desenvolvemento que asegure que todo aquel proxecto industrial, neste caso eólico, que se queira implantar “no noso País ten que garantir que os suministros e a súa produción teñan unha alta porcentaxe de traballo na Galiza”.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, entende que non existe ningunha razón obxectiva para aceptar o ERE de todos os traballadores e traballadoras de Vestas. “Non é unha empresa que estea dando perdas e, ademais, paradóxicamente trátase dunha empresa que se dedica á fabricación de aeroxeradores que neste momento de transición enerxética e de promoción da enerxía eólica debera ter máis opcións de negocio”. A construción de compoñentes eólicas é polo tanto unha industria de futuro e que xera postos de traballo e riqueza na comarca, pero non se promove que se manteña aberta, en cambio, foméntase a instalación de parques que espolian os recursos sen deixar a cambio beneficios para a sociedade.

Rego demanda que as administracións públicas actúen para conseguir que se manteña a actividade e mediando ante a empresa para lograr que non feche. Esta decisión unilateral da empresa non podería darse se o Goberno do Estado tivera derrogado, dunha vez por todas, a Reforma Laboral “Ao non ser necesaria a autorización previa da autoridade laboral nos despedimentos colectivos, facilítase que as empresas podan tomar as súas decisión sen ter en conta, nin os intereses dos traballadores, nin as necesidades sociais ou industriais, limitándose, así mesmo, a capacidade de negociación dos traballadores”. Se se recuperase esa autorización “Vestas non podería proceder a ese despedimento colectivo posto que non tería xustificación obxectiva para facelo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG