BNG lamenta o voto en contra do PP a eliminar as gardas de até 168 horas que fan agora os forenses e limitalas a só un día
Iago Tabarés advirte que o sistema actual prexudica o bo funcionamento do servizo de medicina legal e impide a conciliación da vida laboral e familiar
Santiago de Compostela, 22 de maio, 2025. O portavoz de Xustiza do BNG no Parlamento, Iago Tabarés, defendeu este xoves unha iniciativa para modificar o sistema de gardas dos forenses en Galiza limitándoas a 24 horas, tal e como pide o colectivo, que se está a mobilizar contra as quendas semanais que teñen que facer na actualidade, até 168 horas. O PP votou en contra da proposición non de lei nacionalista malia o compromiso realizado hai máis dunha década polo hoxe presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sendo conselleiro de Presidencia.
Tabarés destacou na súa intervención que Galiza é, hoxe en día, a única comunidade autónoma na que o sistema de gardas dos médicos forenses é semanal, un sistema que se aplica en todas as subdireccións territoriais do Instituto Galego de Medicina. Trátase, denunciou, dun sistema “gravemente prexudicial” non só para a administración da Xustiza no País, senón tamén para a conciliación da vida laboral e familiar destes profesionais, que se ven obrigados a realizar gardas de 168 horas continuadas.
O sistema establecido pola Xunta implica, ademais, que os e as forenses teñan que compatibilizar durante unha semana as gardas coa súa actividade ordinaria, de maneira que poden darse casos nos que teñen que facer pola noite un desprazamento de máis de 200 quilómetros para atender, por exemplo, un levantamento de cadáver no que pode investir varias horas e, ao día seguinte, acudir ao seu posto de traballo no horario habitual.
O deputado do BNG criticou, ademais, que os profesionais forenses galegos reciben polas gardas unha compensación de só 1,42 €/hora, unha cantidade, subliñou, notablemente inferior a calquera outra profesional pública análoga. O seu traballo abrangue cuestións médicas e biolóxicas claves para a resolución de conflitos xudiciais, e inclúe, entre outras tarefas o levantamento de cadáveres, a atención a casos de agresión sexual, a valoración de vítimas de violencia de xénero, ou asistencia a detidos ou a autorización de internamentos por trastornos mentais, subliñou.
Tabarés lamentou o voto en contra do PP a atender as “máis que xustificadas” demandas do colectivo das e os forenses malia que, economicamente, non lle suporían ás arcas da Xunta máis de 300.000 euros anuais, unha cantidade asumible, precisou, tendo en conta as partidas dedicadas a administración de Xustiza que a Xunta deixa sen executar.