O PP boicotea unha declaración institucional en defensa do pobo palestino e en contra do xenocidio en Gaza
“Que é o que ten que pasar para que o Partido Popular condene o Estado xenocida de Israel?”, cuestiona a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil
Este é o texto íntegro presentado pola organización nacionalista:
Diante da masacre que o Estado de Israel está levando a cabo sobre a poboación palestina na Faixa de Gaza, o Parlamento de Galiza manifesta:
1. A nosa máis contundente e rotunda condena ao xenocidio perpetrado polo Estado de Israel contra o pobo palestino, de maneira cruenta na Franxa de Gaza mais tamén en Cisxordania. Así mesmo, denunciamos a ocupación ilegal que sofre o pobo palestino e reclamamos o cesamento inmediato da ofensiva militar israelí, a retirada do exército israelí do territorio palestino e a apertura de corredores que permitan a entrada urxente de axuda humanitaria.
2. Defendemos a soberanía do pobo palestino, o dereito a recuperaren o seu territorio e o retorno ao mesmo da poboación expulsada tal e como recollen as sucesivas resolucións das Nacións Unidas.
3. Denunciamos a inacción da comunidade internacional co Estado de Israel, nomeadamente da Unión Europea que coa pasividade está a ser cómplice da barbarie sionista. Como representantes do pobo galego instamos todas as institucións e administracións públicas, a comezar polos gobernos da Xunta e do Estado español, a romper relacións diplomáticas, comerciais e financeiras co Estado de Israel así como a aplicar medidas sancionadoras contundentes en todos os ámbitos alén do armamentístico-militar.
4. Así mesmo, amosamos a nosa solidariedade coas persoas que de maneira individual ou colectiva están a participar en actos de denuncia e protesta fronte ao xenocidio contra o pobo palestino de maneira especial, a todas as persoas que participaron nas mobilizacións esixindo a retirada do equipo Israel Premier-Tech. Así mesmo, rexeitamos calquera criminilización do exercicio do dereito fundamental á protesta así como as detencións levadas a cabo no marco das mobilizacións sociais.