Parlamento Galego

BNG lamenta que o goberno non concrete como se vai garantir a tradución ao galego do programa de xestión da Xustiza Atenea

Iria Taibo
Iria Taibo empraza a Xunta a garantir orzamento para asegurar os dereitos lingüístiscos da cidadanía e dos traballadores e traballadoras da Xustiza

A deputada e portavoz de Lingua do BNG, Iria Taibo marchou sen respostas do PP da comisión 1ª, ao non aclararlle o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, cando se poderá garantir o dereito da cidadanía e das persoas traballadoras ao acceso en galego do sistema procesual Atenea, utilizado principalmente para a tramitación de expedientes xudiciais e outras xestións administrativas na Xustiza.

O representante do Goberno galego condicionou a tradución aos prazos establecidos polo Goberno do Estado e asegurou que, de momento, non os coñece. Tampouco aclarou se a tradución a fará Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (Amtega) como se suxeriu nalgún momento, pero, salientou que o orzamento para 2026 desta axencia viuse reducido.

Taibo denunciou así que os dereitos tanto da cidadanía como dos traballadores “vense clarisimamente vulnerados”, e indicou que, a día de hoxe, só o 1% dos procedementos se están a levar a cabo en galego, algo que chama moito a súa atención, pois “non existe dereito se non hai opción real de uso”, manifestou.

 A deputada nacionalista puxo ademais en cuestión a falta de compromiso do PP lembrando as declaracións do conselleiro de  Cultura nun Pleno nas que afirmaba que a Xunta asumiría o custo da tradución sempre e ‘cando o Goberno central  non dispoña de fondos para facela’. “Que non saia do propio Goberno e que sexan os traballadores e traballadoras da Xustiza os que o teñan que reclamar é bastante significativo de cal é o compromiso real coa lingua galega”, expresou.

Tampouco concretou o PP como se vai facer esa tradución.  Neste punto, Taibo alertou dos numerosos erros derivados da tradución automática, e puxo o exemplo de como a ferramenta automática do Parlamento traduciu o nome do deputado do BNG “Oscar Insua Lema” por “Oscar Insua Léemela”, a noticia sobre  “o custe da AP9” como “El cueste de la AP9” ou a preposición “coa” como “cuela”. “Unha tradución automática non pode resolver unha documentación tan seria e tan importante”, advertiu.

Afeoulle ao PP que o Goberno de Rueda está a falar constantemente de que ten unha man tendida no ámbito da lingua e que quere que todos os grupos e que toda a sociedade galega apoie o novo Plan Xeral de Normalización  Lingüística e indicou que “debería ser o propio goberno galego o que amosase interese” na tradución do programa Atenea.

O BNG, ao igual ca entidades como a Irmandade Xurídica Galega reclama ademais que se ofreza o galego en primeiro lugar cando se abra o programa Atenea, seguindo as recomendacións do propio Plan Xeral de Normalización Lingüística, que foi aprobado por unanimidade e onde se recolle que calquera cidadán ou cidadá que se dirixe á Administración debe ser atendido en primeiro lugar en galego. “Isto non é un plan radical do BNG, está especificado entre as tres estratexias do PXNLG”, recordou Taibo.