BNG lamenta o pasamento do gran referente da esquerda e o internacionalismo Pepe Mujica
A Executiva Nacional do BNG transmite o seu máis sentido pésame polo pasamento de Pepe Mujica, expresidente da República Oriental do Uruguai e referente internacionalista.
O BNG transmitiu onte pola noite as condolencias ao Presidente do Uruguay Yamandú Orsi, ao Frente Amplio e ao Movimento de Participación Popular, o partido de Pepe Mujica. O exsenador e loitador uruguaio era un home de profundas conviccións, de grande humanidade e empatía social, sendo un dos líderes máis queridos do mundo.
Na súa relación co BNG, o referente uruguaio recibiu en varias ocasións a representantes do BNG como a Portavoz Nacional Ana Pontón e a eurodeputada Ana Miranda. Ademais, pediu o voto para o BNG tanto nas pasadas eleccións galegas como nas europeas de 2024.
Caracterizado pola humildade, Pepe Mujica era un referente para varias xeracións e mantiña, até a última campaña electoral do Uruguai e xa xubilado, unha intensa vida política xunto á súa compañeira de vida Lucia Topolansky, ate estes últimos meses nos que se agravou a doenza.
Pepe Mujica deixa un legado inmenso no internacionalismo, na loita pola xustiza social e como referente da esquerda mundial, sempre caracterizado pola mediación política e a solidariedade internacionalista.
Como mostra da estreita relación do Bloque Nacionalista Galego con Pepe Mujica, Ana Miranda vén de convocar no Parlamento Europeo un acto simbólico de despedida ao expresidente uruguaio.