congreso

BNG lamenta o arquivo da querela polo asasinato de Reboiras e critica a Lei de Memoria

Moncho Reboiras
Moncho Reboiras. Foto: Fundación Moncho Reboiras.

“O tempo deunos a razón. A disposición engadida na Lei de Memoria Democrática sobre o dereito internacional non era suficiente para unha actuación inequívoca por parte da xustiza para investigar os crimes do franquismo” critica Néstor Rego

Continúa a sinalar a necesidade de derrogar os artigos 2 e) e f) da Lei de Amnistía, defendida como emendas polo BNG e que PSOE, PP e UP se negaron a apoiar durante o debate e votación da Lei de Memoria Democrática

O Bloque Nacionalista Galego lamenta a decisión da xuíza titular do xulgado de Instrución 1 de Ferrol de arquivar a querela polo asasinato en 1975 do dirixente nacionalista Moncho Reboiras, presentada pola familia co apoio de CEAQUA. A frente nacionalista lembra que durante o debate e votación da nova Lei de Memoria Democrática xa advertira que a mención engadida no texto do artigo 2 sobre o dereito internacional non garantía a posibilidade de investigar os crimes do franquismo por parte da xustiza pois non se derrogaban os apartados e) e f) do artigo segundo da Lei de Amnistía de 1977, como defendía o BNG. Neste sentido, o deputado nacionalista avanza que rexistrará novas iniciativas reclamando a derrogación deses artigos da Ley de Amnistía e a subscrición expresa por parte do Estado español do Convenio internacional sobre imprescritibilidade dos crimes de lesa humanidade.

A decisión da xuíza titular do Xulgado de Instrución número 1 de Ferrol de arquivar a querela presentada polo asasinato do líder nacionalista Moncho Reboiras en 1975 a mans da policía franquista, aínda que previsíbel, non convence o Bloque Nacionalista Galego. A frente nacionalista apunta que aínda que sexa unha ferramenta fraca, a maxistrada obvia por completo a referencia do artigo 2 da Lei Memoria Democrática que lle permitiría interpretar os crimes do franquismo en base ao Dereito Internacional sobre os delitos de lesa humanidade. No auto de arquivo tamén se alega que o Estado español non asinou o Convenio sobre imprescritibilidade dos delitos de lesa humanidade, co que entende que non é dereito vixente, eludindo tamén que esta convención cristalizou como principio básico do Dereito Internacional.

“Cando se estaba a debater e votar a Lei de Memoria Democrática na cámara baixa, o BNG xa advertiu que a disposición engadida no texto lexislativo sobre que a Lei debía ser intepretada ao abeiro do Dereito Internacional sobre os delitos de lesa humanidade non era suficiente para lograr unha actuación inequívoca por parte da xustiza” sinala o deputado do BNG no Congreso. De facto, Néstor Rego durante a intervención no hemiciclo da cámara baixa apuntou que o texto da Lei de Memoria Democrática permitiría este tipo de interpretacións.

En opinión do deputado do BNG no Congreso “infelizmente, o tempo deunos a razóns” e indica, tal e como defendeu nas emendas rexistradas a esta lei, que a única solución “é derrogar os artigos 2 e) e f) da Lei de Amnistía aprobada en 1977”. Os partidos que compoñen o Goberno, ademais do Partido Popular, votaron en contra das emendas do BNG rexistradas a esta lei e, no concreto, a que procuraba a derrogación destes dous artigos. “Foi motivo máis que suficiente para non votar a favor desta Lei, porque o texto lexislativo era pouco ambicioso e dá pé a interpretacións como a que acaba de facer a xuíza na querela sobre Moncho Reboiras para evitar xulgar os crimes do franquismo” asevera.

Neste sentido, a organización nacionalista non dá por perdida a batalla por “verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición” que a o BNG veu mantendo xunto a inúmeras asociacións memoralista da Galiza e de todo o Estado español e anuncia o rexistro de novas iniciativas para que tamén se poida “facer verdadeira xustiza no asasinato de Moncho Reboiras”. Así, o BNG presentará una Proposición de Lei para a derrogación do artigo 2 e) e f) da Lei de Amnistía e reclamará ao Goberno, mediante unha PNL, a subscrición do Convenio internacional sobre imprescritibilidade dos crimes de lesa humanidade, para que de forma expresa conste a súa vixencia no dereito interno do Estado español.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG