Congreso

BNG introduce na axenda política rematar co sistema de financiamento inxusto e lesivo para a Galiza

Néstor Rego

Rego interpelará á Vicepresidenta Primeira e Ministra de Facenda sobre a necesidade de mellorar o financiamento na Galiza frente a un modelo caduco e obsoleto

O BNG levará ao Congreso a necesidade urxente de impulsar na Galiza un modelo baseado na bilateralidade e no concerto económico, que dea ao noso País a chave dos cartos

Durante a vindeira sesión de control ao Goberno do Estado, o deputado do BNG no Congreso interpelará a Ministra de Facenda para reclamar un sistema de financiamento xusto para a Galiza frente ao actual, inxusto e obsoleto, aprobado polo Partido Popular. Néstor Rego, cualifica de “profundamente lesivo para Galiza” e que foi aprobado polo Partido Popular, “co aval do señor Feixóo cando presidía a Xunta”.

Rego lembrará que este sistema, ademais de estar caduco e resultar inxusto, penaliza especialmente a Galiza por non recoñecer factores estruturais como a dispersión poboacional ou o avellentamento da poboación e ao perpetuar un modelo centralista que continúa a minguar os recursos dispoñíbeis para os servizos públicos.

Espolio fiscal: a Galiza perde miles de millóns cada ano

Durante a súa interpelación á Ministra de Facenda, María Jesús Montero, o deputado nacionalista denunciará o espolio fiscal continuado que sofre a Galiza. Co apoio de datos oficiais do Consello de Contas, lembrará que a diferenza entre o que a Galiza achega ao Estado e o que recibe se sitúa en máis de 5.000 millóns de euros ao ano, o que supón unha perda sistemática de recursos imprescindíbeis para o desenvolvemento económico e social do País.

Rego advertirá tamén do impacto do chamado “efecto sede”, polo que máis de 4.000 empresas que operan en Galiza tributan en Madrid, contribuíndo a agravar este déficit fiscal estrutural.

Sistema de concerto económico, que dea á Galiza a chave do seu diñeiro

Frente a este modelo inxusto, que propicia o espolio fiscal do noso País, o deputado do BNG defenderá un novo sistema, baseado na relación bilateral co Estado e no concerto económico. Este sistema, en vigor desde hai décadas con grande éxito en Euskadi e Navarra, permitiría á Galiza capacidade normativa e de recadación e posibilitaría que dos máis de 5000 millóns de euros que o noso País perde cada ano, a maioría ficasen aquí para poder destinalos a mellorar os servizos públicos e a vida de todos os galegos e galegas.

Financiamento local: 50 euros menos por habitante nos concellos galegos

O BNG porá igualmente o foco na necesidade de reformar o sistema de financiamento local, denunciando que os concellos galegos reciben 50 euros menos por habitante que a media estatal. Esta discriminación supuxo que, só entre 2004 e 2014, os municipios da Galiza deixasen de percibir 1.400 millóns de euros, dificultando a prestación de servizos básicos e limitando a capacidade de investimento das entidades locais.

O PP traizoa á Galiza, o BNG consegue avances: a quita da débeda como exemplo

Rego recordará que, frente á actitude do PP, que “traizoa os intereses do País e mantén un modelo centralista que empobrece a Galiza”, o BNG conseguiu avances significativos nas negociacións co Goberno do Estado. Un dos exemplos máis destacados é o acordo para a condonación da débeda de Galiza, na mesma proporción que outras Comunidades Autónomas, o que suporía un alivio financeiro de 4.000 millóns de euros. Un avance que só se poderá materializar “se o señor Rueda non o impide”.